María Loureiro, Premio María Josefa Wonenburger Planells 2024
“Considerada unha das científicas máis influentes do mundo”, a Xunta de Galicia distingue con este galardón á directora científica de ECOBAS e catedrática de economía da USC, María Loureiro, como recoñecemento ao seu labor científico nos eidos da enerxía, a economía ambiental e agrícola.
O pleno da Unidade da Muller e da Ciencia da Xunta de Galicia decidiu outorgar hoxe, por unanimidade, o Premio María Josefa Wonenburger Planells á catedrática de Fundamentos de Análise Económico da Universidade de Santiago de Compostela e directora científica de ECOBAS, María Loureiro que, segundo afirman mediante comunicado, está “considerada unha das científicas máis influentes do mundo”.
Este galardón vén a recoñecer o labor de Loureiro na investigación nos eidos da enerxía, a economía ambiental e agrícola, onde conta con traballos coma a avaliación económica dos danos ambientais do Prestige presentado como pericial económica por parte da Fiscalía de Medioambiente de Galicia no xuízo celebrado na Audiencia Provincial da Coruña no ano 2013. Por primeira vez en España foi posible unha valoración con técnicas propias da economía ambiental, o que motivou a solicitude por parte da Fiscalía da compensación acorde ao dano ocasionado. A importancia desta pericial foi ratificada posteriormente polo Tribunal Supremo, en 2016.
Actualmente, ademais do seu labor á fronte de ECOBAS -primeiro Centro de Investigación Interuniversitario en acadar a acreditación como centro colaborativo da rede CIGUS de excelencia-, Loureiro compatibiliza a súa tarefa docente na USC co proxecto estratéxico CIBERECO sobre “A economía do cambio climático: vulnerabilidade e políticas de adaptación e mitigación en España”, financiado polo INCIBE – Instituto Nacional de Ciberseguridad.
O Premio María Josefa Wonenburger Planells outórgase anualmente desde o ano 2007 a través da Unidade da Muller e Ciencia. Leva o nome da investigadora matemática galega, pioneira e referente internacional no ámbito das ciencias e que, ademais, foi unha investigadora adiantada aos seus tempos.
Traxectoria
María Loureiro (A Pontenova, Lugo, 1972) é licenciada en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e doutora pola Washington State University. Foi profesora titular na Colorado State University e na Carlos III de Madrid e dende o ano 2010 é Catedrática de Fundamentos da Economía na USC.
Investigadora principal do grupo ECO-IURIS, incluido no catálogo de grupos de investigación competitivos de Galicia, María Loureiro forma parte da Real Academia Galega das Ciencias desde o ano 2022, sendo a primeira muller académica numeraria da Sección de ciencias Económicas e Sociais.
Membro do Consello Científico do Real Instituto Elcano e da Fundación Gadea Ciencia, Loureiro figura en 2024, por segundo ano consecutivo, na clasificación World’s Top 2% Scientists dos científicos máis influíntes do mundo elaborada pola Stanford University.