20/05/2026

María Barreiro e Rubén Lago, premios RAGC-UIE na categoría de Ciencias Sociais

A Real Academia Galega de Ciencias e a Universidad Intercontinental de la Empresa veñen de resolver a segunda edición dos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves concedendo o recoñecemento na categoría de Ciencias Sociais aos investigadores de ECOBAS María Barreiro Gen e Rubén Lado Sestayo.

Estes galardóns, concebidos para impulsar a investigación científica en Galicia, distinguen a contribución da investigación ao avance de tres ramas de coñecemento: Ciencias Básicas, Ciencias Sociais e Ciencias Técnicas.

O seu obxectivo é visibilizar e contribuír a potenciar as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da nosa comunidade.

Cunha dotación de 5000 euros para cada un dos tres premios, os galardóns entregaranse nun acto que se celebrará o vindeiro 18 de xuño en Santiago, no Centro Obra Social ABANCA.

Barreiro, premiada pola súa investigación na procura da sostibilidade

Os premios RAGC-UIE, que este ano celebran a súa segunda edición, outorgan nesta ocasión o galardón en Ciencias Sociais á investigadora de ECOBAS María Barreiro (A Coruña, 1987), que durante os últimos dez anos ven desenvolvendo a súa investigación en economía circular, desenvolvemento económico e cuestións de xénero, enfocada na busca de mecanismos que axuden ás organizacións a ser máis sostibles, tanto económica como ambiental e socialmente.

Barreiro, profesora da área de Economía Aplicada na UDC, participou no proxecto europeo “ToNoWaste”, valorado en 6 millóns de euros, no que colaborou con 21 universidades e varias institucións de 7 países, co obxectivo de reducir o desperdicio de alimentos. Na actualidade é coordinadora do Green Campus da facultade de Economía e Empresa da UDC.

Un accésit en Ciencias Sociais, tamén no seo de ECOBAS

Rubén Lado (Outes, 1989), exerce como profesor de Economía Financeira e Contabilidade na USC e ven desenvolvendo na súa carreira investigadora dúas grandes liñas de investigación: o estudo do efecto da localización empresarial sobre as variables económico-financeiras, con especial atención ao sector turístico-hoteleiro español; e a xestión de riscos empresariais nun contexto de crecente dixitalización e transición enerxética.

Estas liñas conectan con problemáticas actuais como a sostibilidade, a intelixencia artificial e a automatización. Na actualidade, Rubén Lado coordina á fronte de ECOBAS o proxecto transfronteirizo BioTransfer para a potenciación da bioeconomía na eurorrexión Galicia e Norte de Portugal, e é secretario do Centro de Estudos Turísticos (CETUR) da USC.

Intelixencia artificial verde e enerxías renovables mariñas, estudos premiados en Ciencias Básicas e en Ciencias Técnicas

Na categoría de Ciencias Básicas a galardoada é Verónica Bolón, pioneira en deseñar sistemas de intelixencia artificial sostibles. Profesora da UDC, Bolón desenvolve a súa actividade investigadora no Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial. Céntrase no deseño de sistemas de intelixencia artificial eficientes, capaces de equilibrar rendemento, custo computacional e impacto ambiental. Esta visión, que sitúa a sostibilidade como eixe central do deseño algorítmico, é pioneira en España. Os resultados dos seus traballos téñense aplicado en ámbitos como o biomédico -diagnóstico de retinopatía do prematuro, enfermidades cardiovasculares ou trastornos do sono-, así como para a resolución de problemas ambientais e educativos.

Pola súa banda, en Ciencias Técnicas distínguese a Laura Castro polo seu labor no campo das enerxías renovables mariñas. Investigadora no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) de Ferrol, a súa traxectoria céntrase no estudo técnico-económico das enerxías renovables mariñas: enerxía eólica mariña, enerxía undimotriz, sistemas híbridos de enerxía mariña e enerxía solar mariña.

Dous accésits en Ciencias Básicas e un máis en Ciencias Técnicas

Manuel Souto, investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC, gañou un dos dous accésit concedidos na categoría de Ciencias Básicas pola súa investigación en novos materiais máis sostibles con aplicacións en almacenamento enerxético. Na actualidade céntrase no desenvolvemento de baterías máis eficientes e sostibles, baseadas en eléctrodos orgánicos, fronte ás baterías de litio convencionais, que usan elementos críticos como o cobalto.

O segundo accésit desta categoría foi para Ismael González, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC, polo seu traballo sobre os mecanismos neuroendocrinos que controlan o metabolismo, que supuxeron un notable avance no coñecemento dos mecanismos fisiopatolóxicos da obesidade.

Na categoría de Ciencias Técnicas, concedeuse un accésit á a profesora do Departamento de Deseño na Enxeñaría da Universidade de Vigo Lucía Díaz, que investiga no eido da dixitalización da contorna construída para crear espazos máis seguros, intelixentes e sostibles. Tamén analiza o espazo urbano co obxectivo de comprender a súa influencia sobre o ser humano, de interese, por exemplo, para mellorar a accesibilidade.