07/03/2026

Manuel A. Gómez, premio ALDE 2026

O traballo de Manuel A. Gómez Suárez, realizado en coautoría coa profesora Ana López Cheda, da UDC, obtivo o premio do xurado do premio ALDE 2026 á mellor comunicación nas XXII Xornadas sobre Docencia de Economía Aplicada.

O avance do coñecemento da man da investigación científica aplica en todos os ámbitos do desenvolvemento humano. Tamén, como non, na busca da mellora continua da tarefa docente e do desempeño do alumnado nas aulas.

Así o recoñece o Premio ALDE, que na súa edición de 2026 correspondeu ao traballo titulado “The impact of seating location on Mathematics for economics grades”, presentado polo catedrático de Economía da UDC e membro do comité científico e de innovación de ECOBAS, Manuel A. Gómez Suárez.

O profesor Gómez recolleu a distinción no transcurso das xornadas, celebradas o pasado 6 de marzo en Caixaforum Madrid, nunha edición organizada baixo a dirección académica da profesora da UDC e tamén investigadora de ECOBAS, Estefanía Mourelle Espasadín.

As Xornadas sobre Docencia de Economía Aplicada constitúen un espazo de intercambio de experiencias docentes, reflexión, debate e transferencia de coñecemento para a mellora continua da docencia universitaria da economía aplicada.