Luz verde para o proxecto PASOS promovido por CIM, ECOBAS e FUNDAMAR
A Xunta de Galicia apoiara o Plan de Acción para a Promoción da Investigación e Innovación Responsable no ámbito mariño a través das entidades de Economía Social
A Xunta de Galicia apoiara o Plan de Acción para a Promoción da Investigación e Innovación Responsable no ámbito mariño a través das entidades de Economía Social
O proxecto PASOS (Plan de Acción para a Promoción da Investigación e Innovación Responsable no Ámbito Mariño a través das Entidades de Economía Social) ven de ser apoiado pola Rede EUSUMO, impulsada pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social. Levarase a cabo de forma coordinada entre FUNDAMAR e dous centros de investigación da Universidade de Vigo, CIM e ECOBAS, como primeira actividade conxunta no marco do convenio de colaboración que estas entidades asinaron o pasado ano co obxectivo de poñer en marcha accións conxuntas de fomento da investigación, a formación e a transferencia de coñecemento vencelladas ó ámbito social e mariño. O proxecto conta cun orzamento de máis de 50.000 euros e desenvolverase entre abril de 2021 e setembro de 2022.
PASOS xurde pola necesidade de achegar a ciencia á sociedade, e pretende afrontar os retos da comunidade mariña desenvolvendo un marco estratéxico común en base aos principios da Investigación e Innovación Responsable (coñecida como RRI) e da Economía Social.
O proxecto comprende dúas actividades: por unha banda, o desenvolvemento dun plan de acción para impulsar a RRI no ámbito mariño a través das entidades de Economía Social, no que se realizará unha diagnose da situación mediante entrevistas e mesas de traballo con representantes da cuádruple hélice do sector mariño, e se deseñarán eixos estratéxicos e metas; e por outra, levarase a cabo unha estratexia de promoción e divulgación desta RRI, coa organización de distintas actividades que contarán coa participación de persoal investigador e técnico especializado en RRI, e con diferentes axentes do eido do mar e da Economía Social.
Preténdese así establecer un diálogo entre a universidade e a sociedade, e impulsar a posta en marcha de novos proxectos e iniciativas de interese común e baseadas nas necesidades reais do sector mariño.