01/10/2021

Luz verde da USC para o recoñecemento de ECOBAS como Centro de Investigación Interuniversitario

O Centro de Investigación Interuniversitario ECOBAS contaba xa coa aprobación da Universidade de Vigo e da Universidade da Coruña

Santiago, 1 de outubro.  O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) aprobou esta mañá o recoñecemento de ECOBAS como Centro de  Investigación Interuniversitario.  A USC era a única universidade galega que faltaba por acreditar a transformación da Agrupación Estratéxica en Centro de Investigación. Con este acordo, iníciase a recta final cara o total recoñecemento por parte da Xunta de Galicia como Centro de Investigación Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Esta conversión permitirá a ECOBAS competir en contextos nacionais e internacionais con máis fortaleza.   

Na actualidade conta con 16 garantes das tres universidades galegas, académicos e académicas de prestixio cunha traxectoria destacada no ámbito da investigación e da docencia. Cabe subliñar que o director de ECOBAS, Carlos Hervés, acaba de ser galardoado pola Real Academia Galega das Ciencias coa medalla Domingo García-Sabell Rivas, que premia a sección de ‘Ciencias Económicas e Sociais’. En pouco tempo iniciarase o proceso para que aqueles investigadores e investigadoras que queiran sumarse ó Centro poidan solicitar a súa adscrición .  

Tamén no día de hoxe o Consello de Goberno da Universidade de Vigo, que foi a primeira en aprobar a creación do Centro o pasado mes de maio, deu o seu visto bo ó regulamento interno de ECOBAS e o convenio de creación da entidade que asinarán as tres universidades galegas.