Luis Otero ingresa como Académico de Número da Real Academia de Ciencias Económicas y Financieras (RACEF)
O profesor Luis Otero, investigador de ECOBAS, Catedrático de Economía Financeira e Contabilidade da USC e Director da Cátedra de Empresa Familiar da mesma universidade, ingresou como Académico de Número da Real Academia de Ciencias Económicas y Financieras (RACEF) na tarde do pasado 30 de novembro no marco dunha solemne sesión celebrada na sede da Real Corporación.
No seu discurso de ingreso, titulado “Inversión sostenible y cambio climático”, Otero defendeu a fórmula de investimento sostible como unha resposta necesaria ao cambio climático e a degradación ambiental, que á vez supón unha oportunidade significativa para os inversores e a sociedade en xeral. “A medida que o mundo enfronta os desafíos dun clima en transformación, o investimento sostible se posiciona como un motor clave na transición cara a unha economía máis verde e resiliente, capaz de encarar os desafíos do futuro con responsabilidade e visión a longo prazo”, afirmou Otero.
Experto en análise de risco e rendabilidade no eido financeiro e hoteleiro, Luis Otero é autor de ampla investigación en tendencias e produtos de previsión social e emprendemento tecnolóxico. Director de 12 teses doutorais ata esta data, é autor dun centenar de artigos científicos publicados en revistas de recoñecido prestixio, 10 monografías e unha vintena de capítulos en libros especializados. Ten presentado máis de cen ponencias en congresos e participado en 17 proxectos científicos nacionais e internacionais. Posuidor de 10 premios de investigación, forma parte de diversas asociacións científicas e pertence ao comité científico de varias conferencias internacionais. No eido empresarial, ten dirixido ou participado en 40 contratos con institucións ou empresas, varias delas familiares, coa elaboración de numerosos informes e estudos.