16/03/2017

Linknovate presenta a súa aplicación web de vixilancia competitiva nunha conferencia organizada por ECOBAS

O pasado martes celebrouse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais unha xornada sobre intelixencia competitiva impartida pola empresa Linknovate, especializada na identificación de tecnoloxías emerxentes e que conta cunha aplicación web para realizar buscas deste tipo.

O pasado martes día 14 celebrouse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais unha xornada informativa sobre intelixencia competitiva á que asistiron investigadores, xestores e estudantes de distintos ámbitos.

A conferencia estivo organizada por ECOBAS e foi impartida por Manuel Noya, CEO e co-fundador da empresa Linknovate,  creada en 2012 nunha das aceleradoras de empresas máis prestixiosas do mundo, a da Standford University (StartX). Linknovate está especializada en axudar ós usuarios a identificar as tecnoloxías emerxentes e os axentes clave que se agochan detrás desas tecnoloxías, e na súa curta traxectoria conta xa cun premio de Finodex, a aceleradora europea de Open Data, e ten obtido tres proxectos europeos.


Manuel Noya explicou os servizos que ofrece Linknovate e mostrou o funcionamento e utilidade da aplicación gratuíta coa que conta na súa web para buscas de información sobre diversas temáticas, facendo demostracións con algúns exemplos prácticos a partir de palabras clave propostas polos asistentes. O evento tivo un gran éxito de asistencia, cubríndose todas as prazas dispoñibles, e a participación dos presentes foi moi activa. Proximamente se poderá atopar na web de ECOBAS o vídeo da xornada para todos aqueles que non puideron asistir e que estean interesados en coñecer esta ferramenta.