
Laura Carballo, Medalla de Investigación 2025 da Real Academia Galega de Ciencias
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) ven de anunciar os nomes das tres científicas e os dous científicos galegos merecedores das Medallas de Investigación 2025, entre os cales resultou elixida a investigadora de ECOBAS e decana da facultade de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Laura Carballo Piñeiro.
Merecedora da Medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais, Laura Carballo desenvolve a súa principal liña de investigación en torno ao dereito marítimo internacional, eido no que é referente.
Asesora do Comité de Expertos na Aplicación dos Convenios e Recomendacións da Organización Internacional do Traballo (OIT), Laura Carballo vai ser a primeira galega en impartir un curso na Academia de Dereito Internacional da Haia.
En declaracións á RAGC, Laura Carballo dixo sentirse “moi honrada” e salientou o feito de que “nestes intres de grande ameaza para a orde internacional e os dereitos das persoas sen importar a súa orixe, a RAGC apoie o papel fundamental do Dereito para acadar a paz, a seguridade e o benestar de nacións; a dignidade dos pobos, en definitiva, como diría García-Sabell”.
Catedrática de Dereito Internacional Privado na Universidade de Vigo, Laura Carballo é ademais catedrática de Dereito e Política Laboral Marítima na World Maritime University, creada pola Organización Marítima Internacional (OMI), con sede en Malmö. Entre outros fitos salientables da súa traxectoria, a Academia destacou nun comunicado a participación da investigadora en traballos de amplo alcance, tales como:
- A participación nun consorcio internacional para prover á Dirección Xeral de Transportes da Comisión Europea dun estudo sobre os aspectos sociais dentro do transporte marítimo
- A realización dun proxecto sobre seguridade social e emprego marítimo Para a Federación Europea de Traballadores do Transporte
- O seu labor de dirección dun programa destinado a promover o traballo decente a bordo de buques da mariña mercante
- A participación nun estudo sobre os horarios de traballo no mar, que suscitou que varios países solicitaran á OMI que puxera en marcha as súas recomendacións. Ademais, a OMI contou cos seus coñecementos para prestar formación en transporte marítimo en Ghana e Chile.
Francisco J. Blanco, Juan Mª Pou, Nieves Rodríguez e Mª Carmen Veiga completan o plantel das Medallas 2025 da RAGC
As Medallas de Investigación da RAGC valoran as traxectorias singulares e consolidadas en investigación, desenvoltas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas.
Ademais de Laura Carballo Piñeiro (Marín, 1971), medalla Domingo García-Sabell Rivas da sección de Ciencias Económicas e Sociais, recollerán os seus galardóns no acto polo Día da Ciencia en Galicia, o vindeiro 8 de outubro en Santiago de Compostela:
Francisco J. Blanco García (Cee, 1963) recibe a medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC. Figura distinguida na Medicina española e referente internacional no campo da Reumatoloxía, está a empregar a intelixencia artificial para mellorar o diagnóstico e tratamento das doenzas reumáticas.
Juan María Pou Saracho (A Guarda, 1963), catedrático de Física Aplicada da Universidade de Vigo, recibe a medalla Isidro Parga Pondal da sección de Ciencias Técnicas. Cofundador e investigador principal do grupo de “Aplicacións Industriais dos Láseres” da UVigo, é un referente internacional neste eido, experto na aplicación do láser na industria, a saúde e a sostibilidade.
Nieves Rodríguez Brisaboa (A Coruña, 1957), catedrática de Ciencias da Computación da Universidade da Coruña, recibe a medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación. Conta cunha traxectoria investigadora de máis de 30 anos no eido dos algoritmos e estruturas de datos compactas para o procesamento de grandes volumes de datos.
Mª Carmen Veiga Barbazán (Brión, 1959), catedrática de Enxeñaría Química da Universidade da Coruña, recibe a medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía. Investiga en biotecnoloxía ambiental, en particular no tratamento de augas residuais, a valorización de residuos sólidos e a depuración de efluentes gasosos mediante procesos biotecnolóxicos sostibles, forma parte da World’s Top 2% Scientist List que publica a Universidade de Stanford e que recoñece aos científicos máis influentes do mundo.
* Fonte: RAGC