03/09/26

Itziar Sobrino acada a prestixiosa axuda ERC Starting Grant, unha das máis competitivas dos sistema europeo de investigación

  • A investigadora especialista en Dereito Ambiental pertence ao selecto 8,8% de candidaturas seleccionadas polo ERC

  • O seu proxecto afondará na adopción das obrigas xurídicas en materia ambiental por parte dos Estados membros da UE, investigando a súa aplicación ata o nivel das administracións locais

A investigadora de ECOBAS Itziar Sobrino García, especialista en Dereito Ambiental e Gobernanza Pública na UDC, ven de acadar unha ERC Starting Grant, unha das axudas máis prestixiosas e competitivas do sistema europeo de investigación, outorgada polo European Research Council (ERC).

O seu proxecto de investigación, ENACT (Regulatory Attenuation: local non-application erodes EU Environmental Objectives), é un dos tres únicos gañadores de España no eido de Ciencias Sociais e Humanidades. Dun total récord de 4.807 propostas rexistradas nesta competición foron seleccionadas 421, o que representa unha tasa de éxito do 8,8%, na que se sitúa Sobrino.

O proxecto plantexado por Sobrino combinará análise xurídica e traballo empírico en España, Italia e Irlanda, cunha fase posterior de contraste noutros países europeos, para abordar un dos desafíos fundamentais para o cumprimento das políticas ambientais europeas: que acontece coas obrigas xurídicas cando, unha vez aprobadas a escala da UE ou dos Estados membros, chegan ao nivel local encargado de executalas.

ENACT estudará as causas polas que determinadas obrigas ambientais se aplican de maneira efectiva mentres que outras se debilitan, se aplican só parcialmente ou incluso deixan de producir os efectos previstos antes da fase de cumprimento. A investigación poñerá o foco en dous ámbitos estratéxicos para o desenvolvemento do Pacto Verde Europeo: a xestión dos residuos e a eficiencia enerxética dos edificios.

O obxectivo é identificar os factores normativos, institucionais e organizativos que inflúen na aplicación das normas e desenvolver ferramentas que permitan deseñar unha lexislación máis resistente aos procesos de perda de eficacia durante a súa implementación.

Investigación de excelencia

A ERC Starting Grant conleva financiamento para crear un equipo propio e plantexar maior ambición científica e metodolóxica, incorporando unha perspectiva comparada europea. En palabras de Sobrino, “este recoñecemento avala unha traxectoria construída con vocación internacional e centrada en cuestións clave para o Dereito público contemporáneo”, reforzando o enfoque e o papel do Dereito ambiental, onde ven desenvolvendo liñas específicas de investigación para a xestión de residuos, a gobernanza local, a contratación pública e a aplicación das obrigas ambientais polas administracións públicas.

Graduada en Dereito pola UDC, é doutora en Dereito pola UVigo, con premio extraordinario de doutoramento e mención internacional, actualmente investigadora posdoutoral da Xunta de Galicia no Centro de Investigación Interuniversitario ECOBAS.

Como integrante do proxecto estatal ECIL, Sobrino puido afondar no estudo das políticas públicas e das ferramentas xurídicas para a economía circular nos residuos municipais. Na actualidade lidera o proxecto LEGISWASTE, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e é co-investigadora do proxecto transfronteirizo BIO_TRANSFER_GNP, orientado á transferencia de coñecemento en bioeconomía na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

A súa produción científica inclúe publicacións en revistas internacionais indexadas en JCR e Scopus, ademais de capítulos de libro e outras obras especializadas.