Innovación, dixitalización e unha economía limpa e circular como piares para afrontar a crise
José Andrés Faíña, profesor emérito da UDC, considera que estas son as claves para facerlle fronte á crise derivada da pandemia mundial da Covid-19.
José Andrés Faíña, profesor emérito da Universidade da Coruña e presidente do grupo de investigación GCD, destaca a importancia da dixitalización e a innovación como oportunidades para facerlle fronte á crise derivada da pandemia mundial da Covid-19.
“Adaptar a docencia e a investigación á nova situación foi unha tarefa dura pero moi positiva”
O profesor Faíña é profesor emérito pero segue activo na Cátedra Jean Monnet e na dirección do Máster de Innovación e Estratexia Dixital da UDC. A docencia destes programas pasouse a videoconferencia, un traballo arduo para todos os profesores pero que, segundo el mesmo subliña, foi unha experiencia moi positiva e funcionou moi ben. “Adaptámonos ben porque son estudantes maduros e xa tiñamos creada unha relación persoal de mutua confianza e establecido hábitos de traballo”.
“No campo da investigación e as actividades de transferencia, aproveitamos o despregamento das ferramentas online (teams e sharepoint) para continuar coas actividades. Incluso traballando moito máis, pola tendencia a utilizar a accesibilidade do online en horarios amplos. En canto ás miñas responsabilidades como membro da Comisión de Innovación de Clusaga e do Comité Técnico da Business Factory Food (a aceleradora vertical do sector alimentario galego) moitas actividades proseguiron online e mesmo tivemos sesións de traballo telemáticas. Hai que destacar os webinars sobre o efecto da crise da Covid-19 no comercio electrónico, as presentacións de proxectos innovadores, e o inicio da convocatoria da segunda fase para proxectos de consolidación desta aceleradora BFF”.
“A paralización da economía está a ter uns custos altísimos e non será doado recuperar o baleiro de crecemento (o famoso perfil de saída en U dos economistas)”
A pesar de que a situación derivada da pandemia tivo efectos positivos sobre a docencia, a caída das ventas e o peche das actividades non esenciais provocaron unha inmersión mundial nunha das crises económicas máis importantes dos últimos anos. “O efecto final da crisis dependerá de tres factores primordiais: 1) as tendencias de cambio acelerado e innovación nun mundo interconectado en plena revolución das tecnoloxías da información e a comunicación, 2) da crecente presión dos graves problemas medioambientais de cambio climático, e por último 3) das respostas que se adopten nas políticas económicas, sociais e medioambientais no ámbito europeo e internacional”.
Innovación, cambio tecnolóxico e competencia como principais motores para saír da crise
O profesor Faíña explica que estes son os piares polos que se ten que apostar para reactivar a economía e o crecemento. Subliña que en América o modelo arquetípico da innovación e o ecosistema das startups, a chamada economía GAFA (Google, Apple, Facebook e Amazon, ao que lle podemos engadir a china Alibaba) xerou e está xerar novos negocios e empresas con capacidade disruptiva que mudaron radicalmente a estrutura da economía actual. En Europa, pola contra, os arquetipos de innovación baséanse nos apoios de centros tecnolóxicos e organizacións que promoven a innovación facilitando a “transferencia” de tecnoloxía entre sectores e axentes da economía. O novo paradigma que levou a Alemaña a ser leader en innovación como é chamada “Industria 4.0”. “Europa non pode ficar atrás, debe continuar o esforzo das estratexias de especialización intelixente na investigación e a innovación (as coñecidas como RIS3). Puxéronse en marcha dentro do Horizonte 2020 e agora refórzanse moito máis na axenda de innovación e transformación dixital da UE, impulsando os núcleos concentradores dixitais de innovación (Digital Innovation Hubs).
Galicia será quen de salvar o crecemento e manter o emprego coa innovación e a dixitalización?
“Galicia conta cun mapa de máis de 130 startups, centros e institutos de investigación e unha rede sólida de centros tecnolóxicos. Por outra banda, o goberno autonómico, conta co instituto de promoción (IGAPE) e a xestora capital (XESGALICA), así como a nova Axencia de Innovación (GAIN), que impulsa unha ampla rede galega de incubadoras e aceleradoras (Start in Galicia). Segundo o modelo europeo de innovación conta tamén con incubadoras e aceleradoras verticais e con iniciativas de empresas importantes como os programas “The Hop, Estrella Galicia”, de talento emprendedor en innovación aberta colaborativa; e o espazo de traballo de Abanca Innova. Agora o importante é seguir potenciando o sistema de innovación e aproveitar o pulo da axenda de innovación e transformación dixital da UE dentro do grande acordo do Green Deal e o plan de recuperación da crise da Covid-19 (Recovery Plan)”.
O “Green Deal” da Comisión Europea axudará a poñer en marcha un plan de recuperación e afrontar os graves problemas ambientais
“O principal obxectivo desta política europea é transformar a nosa economía para un futuro sostible, loitando contra o cambio climático, e establecendo obxectivos importantes para o 2030 e a neutralidade climática para o 2050. Potenciará unha oferta de enerxía limpa e segura a prezos alcanzables, e mobilizará a industria para unha economía circular (sen desperdicios). Tamén implica accións e obxectivos concretos para a saúde, con ambientes libres de tóxicos e polución, restauración dos ecosistemas e a biodiversidade, e un sistema de alimentación saudable e respectuoso co medio ambiente”.
Galicia terá que axustar a súa industria enerxética á descarbonización e á eficiencia
A nosa comunidade ten os recursos necesarios para afrontar o novo paradigma pero terá que levar a cabo unha grande transformación dos procesos produtivos e dos modelos de negocio para adaptarse a un sistema sostible. Haberá que traballar e facer esforzos, pero pódense acadar os grandes obxectivos do Green Deal. Segundo o profesor Faíña, os puntos máis dificultosos serán os relativos ás industrias enerxéticas e electro intensivas, que terán un impacto no emprego, e dependerá tamén dos plans de compensación e os fondos europeos previstos para estes temas.
“Haberá que ver ata onde chegan os recortes, pero haberaos e tocarannos ós galegos”
O profesor da UDC afirma que esta nova política europea suporá unha redución dos gastos e subsidios da PAC, o fondo de garantía agraria, e pode que tamén das axudas de desenvolvemento rural do fondo agrario. “Tentaranse reducir tamén os gastos dos fondos de desenvolvemento rexional pero haberá que ver como quedan compensados polo aumento extraordinario das axudas e apoios para loitar contra os efectos da depresión económica provocada pola crise da Covid-19”.
Hai esperanza para Galicia aínda que a situación vai ser complicada
A situación provocada pola pandemia deixa un panorama difícil para o emprego e a economía en Galicia nos próximos anos, sobre todo polo impacto sobre as industrias electro intensivas e o peche das centrais térmicas xa en proceso, ademais das incertezas do Brexit e o seu posible impacto sobre o sector pesqueiro. De tódolos xeitos, J. Andrés Faíña é optimista e insiste en que Galicia conta hoxe con empresas líderes e un sistema empresarial sólido, ademais dunha importante apertura internacional e un ecosistema emprendedor relativamente maduro. “Dende logo non vai ser doado e haberá que traballalo, pero co esforzo de todos e unhas políticas sensatas seguro que haberá unha saída axeitada”.
Orientar a economía e industria aos novos paradigmas será a clave para a recuperación
Faíña afirma que a base da recuperación estará no apoio ós mozos e desempregados, reorientando a súa formación e capacitación profesional cara os novos sectores e ocupacións. “Será fundamental apoiar sistemas económicos e empresas que camiñen pola senda da neutralidade climática, a economía circular e a recuperación ambiental. Ademais, tamén será moi importante fomentar ocupacións ligadas á axenda dixital e a innovación europea. Medidas como a introdución dun sistema de renda mínima é, dende esta perspectiva, un paso adiante neste novo paradigma que está xurdindo e se vai implantar nun futuro non moi alongado”.