Fundamar, CIM e ECOBAS destacan no Berbés a importancia da RRI para contribuir a Economía Social no sector do mar
Este mércores celebrouse a ‘Xornada de promoción da economía social no sector mariño’ no Edificio Redeiras do Berbés de Vigo, un espazo moi axeitado para a ocasión, por ser antigamente tres casas de pescadores rehabilitadas pola Universidade de Vigo para formar a actual estrutura. O evento foi organizado por FUNDAMAR, o Centro de Investigación Mariña e ECOBAS, dentro do marco do proxecto PASOS que financia a Rede Eusumo da Consellería de Emprego e Igualdade.
A benvida á xornada veu da man de Dª Susana Touza, subdirectora xeral de Economía Social da Xunta de Galicia; Belén Rubio, Vicerreitora de investigación da Universidade de Vigo, e Javier Touza, presidente de FUNDAMAR. Todos eles destacaron a necesidade deste tipo de accións para o fomento da Economía Social no ámbito mariño, e da colaboración do sector coa Investigación para afrontar os diferentes retos actuais existentes.
Abriu o evento Susana Touza, sinalando que a Economía Social en Galicia representa el 7% do PIB e emprega a máis de catorce mil persoas a través das súas entidades. “As empresas de Economía Social son empresas de persoas, non de capital”, indicaba a subdirectora. A Rede Eusumo conta con 87 destas entidades.
A Vicerreitora de Investigación quixo destacar o traballo que realiza ECOBAS no eido da Economía Social a través da realización, entre outras, de accións e proxectos de promoción do cooperativismo; e a importancia da actividade do CIM, que leva anos aportando solucións aos diferentes retos do sector mariño. Destacou tamén que a Comisión Europea esixe, cada vez máis, unha I+D+i máis aberta e máis dialogante, e de aí a gran importancia da chamada Investigación e Innovación Responsable (RRI polas súas siglas en inglés), e de proxectos coma este.
Pola súa banda, Javier Touza aproveitou a súa intervención para facer unha emotiva reflexión sobre o accidente acontecido fai unhas semanas ó buque Villa de Pitanxo, e sinalando que as entidades de economía social do sector do mar ‘loitan pola mellora da sociedade e do noso sector sen ánimo de lucro’.
O seguinte bloque da xornada abriuno a investigadora Mercedes Mareque, investigadora principal do proxecto PASOS na Universidade de Vigo, que explicou ó publico asistente a orixe deste proxecto, nacido co obxectivo de promover espazos de co-creación baseados na RRI, de maneira que as prácticas na investigación e a innovación traballen para obter resultados sostibles, eticamente aceptables e socialmente participados. María Caldeiro, xerente de Fundamar e coordinadora de PASOS nesa entidade, comentou que o traballo realizado ata o de agora no marco desta iniciativa pon de manifesto a identificación dunha serie de desafíos por parte das entidades de economía social do sector do mar, coma a adaptación ás esixencias europeas no relativo a lexislación e sustentabilidade, o relevo xeracional, as dificultades relativas á igualdade de xénero e o empoderamento da muller, ou a importancia de reforzar o traballo de divulgación e comunicación, entre outras. Completou esta parte da xornada Marina Gómez, técnica do proxecto PASOS na Universidade de Vigo, que explicou ás persoas asistentes as actividades que quedan por desenvolver ata a finalización do proxecto, destacando a realización de dúas mesas de traballo nas que se convidará a participar a representantes de distintas entidades vencelladas ó sector do mar, así coma a persoal investigador de distintos centros.
A parte final do evento contou cunha mesa redonda na que participaron tres profesionais de proxectos de investigación e innovación asentados sobre as bases da RRI. Miguel Rodríguez, investigador do grupo GEN da Universidade de Vigo, presentou o proxecto CircularOil, iniciativa conxunta de FUNDAMAR, a UVIGO (a través dos seus centros de investigación ECOBAS e CINBIO) e a Asociación AMICOS, baseada na economía circular, e que propón a reutilización do aceite de cociña dos buques pesqueiros para convertilo en produtos sostibles. Rita González, investigadora do grupo XM1 do CIM, presentou CoastSnap, un proxecto de ciencia cidadá que ten por obxectivo construír un espazo común e de confianza para facilitar o aprendizaxe mutuo e a colaboración entre investigadores, cidadanía e concellos utilizando as fotografías tomadas polas persoas usuarias de diversas praias ó redor do mundo e compartidas en redes sociais coma material de alto interese científico que pode empregarse para facer estudos das costas. O último dos proxectos, Mardevidas, foi presentado por Fabián Ben, director de proxectos de innovación da Federación Nacional de Confrarías, e ten por obxectivo o desenvolvemento dun plan de divulgación e sensibilización social e medioambiental sobre a importancia de protexer e recuperar a biodiversidade mariña a través do fomento dunha pesca sostible.
O peche da xornada correu a cargo de Javier Touza, que quixo salientar que, aínda que por diante quedan moitos retos no sector mariño e pesqueiro, a xente do mar caracterízase pola súa resiliencia, e deberase seguir loitando pola sustentabilidade ambiental e social, abordando os problemas dende un punto de vista interdisciplinar e traballando en rede.