18/10/24

En marcha a primeira edición da Autumn School, formación nas tecnoloxías máis vangardistas aplicadas á Economía do Cambio Climático e aos riscos financeiros

  • O programa de formación desta Autumn School, artellado en colaboración con ADIA Lab e cofinanciada con Fondos Europeos, conta co apoio do Centro de Investigación Interuniversitario ECOBAS
  • A directora científica de ECOBAS e catedrática da USC, María Loureiro, promove esta iniciativa no marco do proxecto CIBERECO que ela mesma lidera e que foi outorgado polo Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE)

Enfocado na intersección entre a aprendizaxe automática, a inferencia causal e a súa aplicación na intelixencia artificial (IA) para abordar desafíos de sostibilidade, medio centenar de alumnos e alumnas das tres universidades galegas asisten dende hoxe e ata o vindeiro venres á Autumn School da USC que se celebra na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

Expertos internacionais de primeiro nivel no eido da IA como Marcos López de Prado, Francisco Herrera e Luis Seco, desgranarán ao longo de tres xornadas como as técnicas de aprendizaxe automática (ML) e inferencia causal poden contribuir a solucións innovadoras en áreas coma o cambio climático e o desenvolvemento sostible.

O director da Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS) da USC, Pablo Taboada Antelo, deu a benvida ao alumnado, na súa maioría investigadores predoutorais das áreas de Economía e Empresa, que aprenderá ao longo das sesións como empregar estas tecnoloxías para entender mellor as relacións causais e mellorar a toma de decisións baseadas en datos.

Esta formación afonda por tanto nas técnicas máis innovadoras e avanzadas que se poden empregar hoxendía para a investigación en ciencia económica, e atende á liña principal do proxecto CIBERECO, centrada en estudar e atribuír as ciberameazas no escenario macroeconómico.

CIBERECO

O proxecto de investigación estratéxico CIBERECO conta cunha dotación de 400.000 euros do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), que está a poñer o seu foco en ameazas externas non previamente estudadas a nivel macroeconómico. Así, o estudo que o equipo investigador está levando a cabo traballa para determinar como se relacionan as fendas de ciberseguridade con situacións de crise política, eventos ambientais extremos e outras vulnerabilidades.

Saber, por exemplo, como impactará a maior recurrencia de eventos extremos na ciberseguridade do noso país; que sectores económicos, lugares e recursos poden ser máis susceptibles a ciberataques nos distintos escenarios climáticos futuribles; e finalmente, averiguar se podemos predicir os impactos potenciais coa axuda de modelos baseados en intelixencia artificial, son as principais cuestións que plantexa esta liña de investigación.

Creación de novos modelos preditivos baseados en IA

O proxecto CIBERECO comprende tamén o desenvolvemento de solucións de alto valor engadido para a mellora da ciberseguridade no noso país. Así, o equipo investigador creará novos modelos preditivos de fendas de ciberseguridade, ferramentas que empregarán algoritmos de intelixencia artificial (IA) para modelizar datos climáticos, combinados con outras técnicas de enquisa e modelos híbridos de aprendizaxe tipo “human-in-the-loop”.