ECOBAS valora o nomeamento do director da Oficina Económica de Galicia como “un aval” para traballar pola sostibilidade
O equipo directivo de ECOBAS, Economics and Business Administration for Society, valorou hoxe moi positivamente o nomeamento do director da nova Oficina Económica de Galicia, Juan Carlos Reboredo. Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC), investigador principal e membro do Comité Científico e de Innovación de ECOBAS, o seu nomeamento “vén avalado por unha traxectoria académica de máximo prestixio e recoñecemento internacional”, en palabras do director do centro de investigación interuniversitario, Xavier Labandeira.
O nomeamento de Reboredo á fronte deste órgano de nova creación –coa responsabilidade de centralizar as relación coas empresas e industrias da Comunidade Autónoma- “supón unha oportunidade de tender novas pontes de transferencia de coñecemento entre o eido científico e o tecido empresarial, e facelo coa motivación que nos define en ECOBAS, coa firmeza da nosa vocación de traballar pola sostibilidade económica, ambiental e social en Galicia”. Dende a visión como centro de investigación de referencia en Ciencias Sociais, “se trata dunha magnífica noticia para o tecido económico e empresarial dado o rigor e a profesionalidade do perfil elixido para unha oficina da que se espera un carácter estratéxico”, segundo afirmou Labandeira.
Científico de prestixio internacional
Doutor pola Universitat Autònoma de Barcelona (UAB) e Catedrático no Departamento de Fundamentos de Análise Económica da USC, Juan Carlos Reboredo Nogueira posúe unha carreira académica de renome internacional que o sitúa no prestixioso World’s top 2% scientists’ ranking de Stanford University.
Especialista en análise económica dos mercados e institucións, a súa actividade investigadora céntrase no eido da economía financeira, enerxética, medioambiental e dos recursos naturais pertence ao grupo AEMI, Análise Económica dos Mercados e Institucións da USC. Dende outubro de 2023 Juan Carlos Reboredo é membro do Comité Científico e de Innovación de ECOBAS.