23/07/2020

ECOBAS vaise de festival á illa de San Simón para falar de Economía Circular

A Agrupación Estratéxica participou onte nunha xornada sobre Economía Circular dentro do programa do Festival Sinsal Litoral SON Estrella Galicia.

Baixo o título “A senda Circular” a Agrupación Estratéxica participou onte nunha xornada que aunou a profesionais de diferentes sectores para demostrar que a circularidade é posible pero é preciso a colaboración e o compromiso de todos.

O evento, dentro do programa do festival Sinsal Litoral SON Estrella Galicia, tiña o obxectivo de dar visibilidade aos desafíos existentes e a necesidade de crear unha economía eficiente e sostible no uso dos recursos, na protección da saúde das persoas, na protección do medio ambiente e do patrimonio cultural e orientada á persecución de obxectivos comúns.

Con máis de cincuenta participantes vinculados a empresas e entidades, a xornada comezou ás 11 da mañá cunha sesión organizada pola Fundación Paideia Galiza. Eles presentaron o proxecto europeo CIRCULAR LABS, centrado na promoción da economía circular na cultura emprendedora. Tamén contaron coa participación da empresa REVERTIA, e coa divulgadora Ana Rodríguez Vázquez, consultora de Sustentabilidade Estratéxica, Economía Circular e RSC. Posteriormente abriuse un espazo de debate e intercambio de experiencias coa participación de Agroamb, empresa circular que xestiona residuos orgánicos do sector industrial e Oui Jane!, emprendendo no sector téxtil desde a circularidade. 

Despois dunha visita guiada á Illa de San Simón da man da artista e investigadora Iria Vázquez, arrancou a sesión da tarde co título “Creando circularidade”, na que o deseñador Isaac Piñeiro foi introducindo a través de diferentes exemplos ideas sobre como emprender procesos de transformación e circularidade desde a arte e a cultura. Na mesa o acompañaron a xerente do Cluster Saúde de Galicia (CSG), Gisela Álvarez, e o investigador Miguel Rodríguez, membro de ECOBAS e do grupo GEN, experto en Economía Circular e coordinador da elaboración do capítulo sobre a circularidade na empresa galega do Informe ARDÁN, traballo realizado dentro do convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e o Consorcio Zona Franca de Vigo e impulsado por ECOBAS.


A sesión serviu tamén para presentar o  convenio de colaboración asinado recentemente entre o CSG, ECOBAS e o Centro Singular CINBIO, co obxectivo de poñer en marcha proxectos e actividades conxuntas coma proxectos de investigación, organización de actividades académicas ou apoio a investigadores/as e estudantes, entre outros.  Esta colaboración supón unha oportunidade no impulso do ámbito sanitario e socio-sanitario, ó unir a tres axentes de ámbitos diferentes pero complementarios, que de seguro lles permitirán acadar importantes logros. Así, o CSG exercerá de catalizador nesta cooperación, actuando coma nexo de unión entre o sector industrial, asociacións de pacientes, e institucións públicas e privadas de Galicia, e o ámbito académico e da investigación universitaria. ECOBAS aplicará o seu coñecemento e experiencia no campo da economía e a xestión empresarial a este ámbito socio-sanitario; e CINBIO (cofinanciado con Fondos Feder), farao no campo da investigación biosanitaria e biotecnolóxica, e en concreto no relativo á medicina molecular, a nutrición e o benestar, os nanomateriais, a informática para a saúde, e a bioestatística.


A xornada pechouse coa presentación do libro “Alén do azul” da editora Catro Ventos, proxecto que mostra os fondos mariños da Ría de Vigo e realizado pola sociedade cooperativa “13 grados”.

O festival Sinsal Litoral, que normalmente se desenvolve na Illa de San Simón, este ano o fai, debido ás excepcionais circunstancias que estamos a vivir, do 22 ao 26 de xullo en distintos enclaves do litoral das Rías Baixas, pero incluíndo no seu programa, coma todos os anos, unha gran variedade de actividades culturais e musicais. A xornada celebrada onte demostra que un cambio de modelo é preciso para reducir o custe ambiental e alargar a vida útil dos materiais e residuos, e que é preciso dar a coñecer os problemas pero tamén poñer en común solucións e proxectos de mellora.