ECOBAS salienta a heteroxeneidade e a inclusividade como bases da “boa transferencia” da investigación no marco da reunión anual da Rede OTRI
Hoxe ten lugar a segunda e última das xornadas do encontro anual da Red OTRI (Oficinas de Transferencia de Resultados de Investigación), estrutura conformada por 70 universidades españolas e 10 organismos adscritos, que celebra as súa reunión técnica nesta edición 2024 na Universidade da Coruña (UDC), coa participación de máis de 160 persoas asistentes.
A análise da situación de España no eido da transferencia de coñecemento á sociedade e á empresa constitúe o eixo das sesións de traballo, que no día de onte contou coa participación da directora científica de ECOBAS, Economics and Business Administration for Society, María Loureiro, quen contribuiu ao encontro coa perspectiva do valor social intrínseco á investigación en Ciencias Sociais.
Durante a súa intervención, a directora científica de ECOBAS puxo de manifesto a importancia de conformar equipos heteroxéneos e o valor da diversidade como valores determinantes para contribuir á mellora da nosa sociedade. Na súa aplicación práctica a través das accións de transferencia do coñecemento, estas premisas actuarán como garante para contribuir a construir unha sociedade máis xusta e inclusiva.
Neste enfoque coindiciron todas as relatoras integrantes da mesa “Mulleres investigadoras e tecnólogas que analizan a transferencia e o emprendemento” coa que deron comezo as xornadas, trala inauguración oficial presidida polo reitor da UDC, Ricardo Cao.
Os criterios que contribúen a facer “boa ciencia” e polo tanto “boa trasferencia” dende a aplicación da perspectiva de xénero foron desgranados polas integrantes deste panel que, ademais de María Loureiro, contou coa participación de Sonia Martínez Arca, CEO de Batea Oncology; Maria Carreiro otero, presidenta da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia – AMIT Galicia; Ana Jesús López Díaz, profesora da área de Enxeñaría Mecánica da UDC; e Eva López Barrio, coordinadora de Innovatia 8.3.