ECOBAS recibe a visita de Joan Cornet
Estivo visitando a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Vigo, onde participou nunha conferencia-mesa redonda sobre a transformación dixital no ámbito da saúde.
Joan Cornet, da organización ECHAlliance, visitou onte a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Vigo no marco dunha xornada sobre a transformación dixital no ámbito da saúde. No encontro participaron, ademais de integrantes de ECOBAS, membros da Fundación Biomédica Galicia Sur, entre os que estivo a súa directora, Beatriz Gil de Araújo; a xerente do Vigo Convention Bureau, Belén Vallina; e profesionais do Servizo Galego de Saúde e doutras organizacións relacionadas coa sanidade, a economía e a empresa.
Cornet, que na actualidade dirixe o Digital Health Observatory, ten unha longa traxectoria profesional en diversas organizacións. Traballou durante máis de 15 anos na Comisión Europea e no Parlamento Europeo, foi Director Xeral do Departamento de Saúde da Generalitat de Catalunya, puxo en marcha BIOCAT, foi director da Fundación TicSalut, e dirixiu o mHealth, creado ó amparo do Mobile World Capital Barcelona.
Durante a xornada celebrada onte, compartiu cos/as asistentes a súa visión sobre os retos ós que a sociedade se vai ter que enfrontar debido ós cambios que a tecnoloxía dixital está a producir no sector sanitario. Tamén explicou o papel que organizacións coma ECHAlliance poden xogar para facer fronte a eses retos, e participou nunha mesa redonda na que todos/as os/as asistentes tiveron ocasión de debater e poñer en común os seus puntos de vista e experiencias sobre o tema.