ECOBAS, presente no Festival Internacional de Divulgación Científica ‘Pint of Science’
Bares, pubs e cafeterías de 500 cidades en 25 países serán a vindeira semana punto de encontro entre científicos e científicas e a cidadanía. O ‘Pint of Science’, Festival Internacional de Divulgación que alcanza este ano en España a súa novena edición, terá lugar do 13 ao 15 de maio. Persoal investigador de ECOBAS, xunto con representantes doutros centros de investigación galegos, contribuirá activamente nas actividades programadas en Compostela e Vigo.
- “Desentrañando o enigma da economía conductual” é o suxestivo título que nos propón a investigadora de ECOBAS Isabel Neira para falar dos aspectos que inciden na toma de decisións económicas na vida cotiá, incorporando factores psicolóxicos e sociolóxicos da economía conductual e a psicoloxía social. Como inflúe a cultura na toma de decisións do individuo, nas súas preferencias? Coñeceremos os mecanismos do trade-off ou compensación entre alternativas conflitivas. E tamén falaremos das diferenzas entre os modelos econométricos tradicionais e os máis actuais, baseandos no ‘machine learning’. Non o podes perder!! Será o martes 14 de maio a partir das 18:30 h no Café Bar Alborada de Veiga (Praza de Pascual Veiga, 4, local 8) en Santiago de Compostela.
- En Vigo, o investigador Pablo Cabanelas Lorenzo falará dun dos máis importantes desafíos dun futuro non tan futuro: “Como nos moveremos no futuro?” A dixitalización, a irrupción de novas tecnoloxías, limitacións económicas de parte da poboación e restriccións medioambientais están provocando importantes cambios nas tendencias de comportamento da ciudadanía. Nesta charla poderemos asomarnos aos retos que temos por diante, tanto a nivel individual como colectivo. A todos nos afecta, dun ou outro xeito, así que agardamos que poidades acudir ao bar Cañaveral de Vigo (Porta do Sol, 6) o mércores 15 de maio a partir das 20:00 h.
As charlas son de acceso libre e gratuíto, ata completar aforo. Haberá concursos como o Trivial científico e sorteos con regalos para o público asistente.
En España, a iniciativa é enteiramente xestionada pola Asociación de Divulgación Científica “Pint of Science España”, con sede social na localidade de Mojácar (Almería). Esta asociación, creada co único propósito de organizar este festival, é unha entidade sen fins de lucro e está xestionada integramente por persoal voluntario.
Toda a información sobre PINT OF SCIENCE 2024 dispoñible na páxina web do evento.