31/10/2023

ECOBAS ofrece ás empresas investigación científica e cooperación para mellorar a sociedade galega

Baixo o título “Sprint de Innovación”, o centro interuniversitario ECOBAS celebrou esta mañá unha xornada de portas abertas co fin de impulsar o proceso de transferencia de coñecemento entre a investigación científica en ciencias sociais e as problemáticas reais do tecido produtivo da nosa contorna.

A sesión, na que participaron medio centenar de investigadores, docentes e doutorandos das tres universidades públicas galegas, centrouse nos retos e desafíos que plantexa a sostibilidade na súa triple vertente –económica, social e ambiental- e serviu como foro de debate entre os representantes empresariais e os distintos membros do corpo académico de ECOBAS, convencidos de incentivar a transferencia de coñecemento entre os dous mundos “para  mellorar a sociedade galega”. Así o afirmaron o tanto o director de ECOBAS, Xavier Labandeira, como a coordinadora de transferencia do Centro e organizadora da xornada, Isabel Neira, quen tamén puxo de manifesto a “xenerosidade deste equipo” que xa está a traballar na elaboración dun catálogo de servizos de transferencia para o que hoxe recolleron as suxestións realizadas polas empresas participantes no encontro.

Descarbonización, lexislación, tecnoloxía

Sinalando a descarbonización como o principal reto, non só na súa empresa senón “de toda Europa” no momento actual, comezou a súa intervención o director de sostibilidade do Grupo PROFAND, Antonio Álvarez, quen considera que este desafío conleva unha enorme dificultade por afectar, de principio a fin, a toda a cadea de suministro. Álvarez demandou solucións que non apliquen soamente ás grandes compañías, senón a todos os axentes implicados nesa cadea, altamente descentralizada no mercado globalizado.

A nivel das comunidades locais, o responsable de desenvolvemento de negocio internacional de NORVENTO Enerxía, Javier Taibo, destacou a necesidade de adaptar a lexilación “paraugas” ás particularidades da realidade de Galicia, onde a complexidade do territorio engade dificultades ao sector das renovables. Unha maior implicación de todos os stakeholders dende as fases temperás dos proxectos, unha planificación ordeada e a creación dun ecosistema que permita reducir a dependencia das tecnoloxías procedentes de economías exteriores, foron outras das cuestións clave sinaladas por Taibo.

Pola súa banda, Noemi Rodríguez, CEO de HIMIKODE: Data specialists, considera que o reto fundamental está na capacidade investigadora para medir os impactos que se están a producir con toda a analítica de datos capturados. Na súa opinión, a conexión real co mercado e o coñecemento adquirido traen consigo a posibilidade de que universidade e empresa poidan ir da man e concorrer xuntos a máis proxectos, acceder ao financiamento europeo, etc., de maneira que se podería redirixir o esforzo tamén para axudar aos propios consumidores “a ser máis sostibles”.

Na mesma liña se pronunciou o director da área TI de DOS ESPACIOS INTERNET CONSULTING, Emilio José Díez, quen considera que o gran reto se sitúa na “xestión do comportamento a través do modelado de datos e as predicccións”, mentres que a directora global de asuntos corporate de TECALIS, Berta Caro, apuntou ao desafío do apartado regulatorio, especificamente no que afecta á seguridade e á privacidade dos datos, a prevención do fraude, etc. 

Entidades do ecosistema galego de innovación

O director xeral de IMPULSA GALICIA, Julio Pombo, explicou o obxecto da sociedade público-privada e dos proxectos tractores que teñen en marcha, entre os que destacou dous: o de xestión sostible dos bosques galegos e o de construción dun centro de datos positivo en carbono, que suporá un salto cualitativo na dixitalización de Galicia. 

Pola súa banda, a directora da área de servizos da Axencia Galega de Innovación, Patricia Fernández Liz, explicou as distintas ferramentas que GAIN pon a disposición da comunidade investigadora e do sistema empresarial, como o programa IGNICIA, os bonos de innovación e programa Impulso á innovación nas PEMEs.