17/09/2021

ECOBAS inaugurou o seu ano académico cun seminario científico de Antón Costas, presidente do CES

O presidente do Consello Económico e Social de España, Antón Costas, participou esta mañá no acto organizado polo Centro de Investigación Interuniversitario ECOBAS con motivo da apertura do ano académico. O acto contou tamén coa presenza da Concelleira Ana María Mejías

Vigo, 21 de setembro, 2021.  A Vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Belén Rubio, foi a encargada de abrir o evento inaugural que recibiu ós novos alumnos e alumnas do Máster en Economía, chegados das tres universidades galegas. Rubio tamén salientou a importancia de contar en Galicia cun centro de investigación de ámbito xurídico e económico, eido no que ECOBAS se especializa.

O proceso de cambio que ECOBAS está a levar a cabo, pasando de ser unha Agrupación Estratéxica a un Centro de Investigación Interuniversitario, foi destacado polo seu director, Carlos Hervés, que agradeceu a asistencia dos presentes, entre os que se atopaban tamén profesores e investigadores. Por outra banda, a directora científica de ECOBAS, María Loureiro, salientou a importancia dos programas de formación que apoia o centro, o propio Máster Interuniversitario en Economía e o programa de Doutoramento en Análise Económica e Estratexia Empresarial. A investigadora tamén fixo fincapé nos diversos seminarios que ECOBAS organiza semanalmente, seminarios científicos e de transferencia, que se levarán a cabo en distintas cidades de Galicia.

Carlos Hervés tomou a palabra para dedicar unhas e agarimosas palabras a Antón Costas e agradecerlle a súa participación no acto. O Presidente do CES  ofreceu un relatorio para todos o asistentes, o primeiro do ciclo de seminarios que a profesora Loureiro mencionaba con anterioridade.  A aula maxistral, titulada “O reto de construír un contrato social progresista e sostible”, recalcou durante aproximadamente unha hora a importancia de Economía, sustentabilidade e democracia, así como do papel de investigadores e economistas para acadar unha nova “epifanía económica”, achegándose máis á sociedade e menos ós políticos e gobernantes. A exposición de Costas suscitou un gran interese entre as persoas presentes que participaron activamente na rolda de preguntas, entre elas a Concelleira de I+D do Concello de Vigo e Deputada Provincial de Desenvolvemento Empresarial, Ana María Mejías, que trasladou ó relator a súa inquedanza sobre as canles axeitadas para que os e as economistas e investigadores en xeral poidan trasladar os seus coñecementos á sociedade dunha maneira máis democrática.
 

Enlace á nova do DUVI

https://www.uvigo.gal/universidade/comunicacion/duvi/anton-costas-reivindica-contrato-social-garantir-funcionamento-economia-mercado-evitar-barbarie