03/05/24

ECOBAS entra na senda de excelencia da rede CIGUS

O Centro de Investigación Interuniversitario ECOBAS entra a formar parte da rede de excelencia CIGUS coa obtención da categoría de Centro de Investigación Colab.orativo, unha nova figura na que queda reflectida a importancia do labor da investigación en Ciencias Sociais.

ECOBAS é o primeiro centro de carácter interuniversitario, e o único no ámbito das Ciencias Sociais, que logra incorporarse a esta rede para o fomento da excelencia científica en Galicia.

ECOBAS, Economics and Business Administration for Society, entra a formar parte da Rede CIGUS, o selo de máximo prestixio no sistema galego de investigación. O Centro obtivo a categoría de Centro de Investigación Colaborativo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional tras un proceso avaliador realizado por un panel experto independente de primeiro nivel.

ECOBAS consegue este recoñecemento transcorridos só dous anos dende a súa creación como Centro de Investigación Interuniversitario, o que o converte no único centro destas características en incorporarse a esa superestructura do sistema de investigación galego.

Esta certificación supón supón un importante aval á calidade e ao impacto da investigación desenvolvida por ECOBAS na Comunidade Autónoma e un fito decisivo para o seu afianzamento como polo de referencia na investigación en Ciencias Sociais. “Estamos moi satisfeitos con este resultado, froito do traballo de moitas persoas que apostaron forte por un proxecto integrador, ambicioso e moi complexo, pero tremendamente ilusionante”, afirmou a directora científica de ECOBAS, María Loureiro.

A acreditación de ECOBAS como Centro Colaborativo da rede CIGUS servirá para multiplicar os impactos da investigación e tamén para despregar unha maior influencia no deseño das políticas públicas e para a toma de decisións informadas por parte da sociedade. Segundo a máxima responsable do Centro, este novo estatus “servirá para dar unha maior visibilidade aos resultados da investigación que realizamos nos ámbitos da economía, a empresa, o dereito ou a socioloxía, situándonos ao carón das disciplinas científico-técnicas e instrumentais que gozan do selo de excelencia da Rede CIGUS”.

O novo papel de ECOBAS “é unha encomenda que asumimos con confianza e responsabilidade; queremos que o noso traballo contribúa de forma decidida á proxección de Galicia como referente no ámbito científico e investigador, pero sobre todo, queremos contribuir a plantexar solucións aos desafíos tan complexos que temos que afrontar como sociedade”, explicou Loureiro.

A Xunta de Galicia concede a ECOBAS esta distinción no marco da convocatoria competitiva de axudas para o apoio aos centros de investigación do SUG para o periodo 2024-2027, á que ECOBAS concorría por primeira vez dende a súa creación como Centro Interuniversitario en 2021.

Financiamiento basal

Como resultado da avaliación realizada por un panel externo de expertos, en termos de financiamento ECOBAS obtén 404.597,71 € para o periodo 2024-2027, unha axuda que servirá como soporte basal inicial para despregar o plan estratéxico e o modelo de investigación do Centro, nacido para exercer un papel tractor da sostibilidade no sentido máis amplo: económico, social e ambiental.

Coa concesión destas Axudas para a estrutura, a mellora e o apoio aos centros de investigación do Sistema universitario de Galicia, Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional destinará máis de 6,1 millóns de euros ata 2027 ás unidades de referencia do sistema galego de investigación, que constitúen o motor da I+D do SUG. Esta partida conta co cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER),

Investigación de fronteira en sostibilidade económica, ambiental e social

A Axenda Científica de ECOBAS asume na súa totalidade o compromiso coa Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e os ODS e cos retos europeos dos programas Next Generation. Na actualidade 84 científicas e científicos avaliados integran os recursos humanos do Centro, entre os que figura un investigador ERC, un finalista ERC, 2 investigadores no top 2% dos máis citados a nivel mundial e, no caso específico das mulleres, 10 das 38 investigadoras están situadas no ranking das científicas máis citadas en España, segundo o CSIC.

Durante o periodo 2020-2022 o persoal investigador de ECOBAS publicou 278 artígos  indexados, dos que 88 son D1. En volume de proxectos, o financiamento recibido ascende a un total de 4,9 millóns de euros obtidos a través de 27 proxectos de investigación internacionais, 1 ERC, 10 proxectos nacionais e 4 rexionais, ademáis de 71 contratos con empresas e outros convenios.

Na área de formación e impulso á captación de novo talento investigador, ECOBAS presta o seu apoio ao programa de doutoramento interuniversitario de Análise Económica e Estratexia Empresarial, así como ao Mestrado Interuniversitario en Economía.