ECOBAS e Campus do Mar dan comezo a un ciclo conxunto de seminarios de investigación relacionados coa pesca
A iniciativa dará comezo este xoves 16 de novembro co seminario de Eduardo Sánchez Llamas, da Universidade de Alacante.
Un dos piares fundamentais de ECOBAS é o da divulgación do coñecemento, e con este motivo se une a Campus do Mar para dar comezo a un ciclo de seminarios cunha temática común, a pesca e o ámbito mariño, que se afrontará dende o punto de vista de distintas disciplinas, coma a economía ou a xestión ecolóxica e ambiental.
A iniciativa está encabezada por Elena Ojea, investigadora do Campus do Mar e posuidora dunha Starting Grant do European Research Council, e diversos investigadores dos grupos ECOSOT e ERENEA de ECOBAS. Os seminarios celebraranse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do Campus de Vigo como mínimo unha vez ó mes, e as presentacións terán unha duración de 30 minutos, seguidos dun tempo de discusión. Estes seminarios correrán a cargo de investigadores de diferentes ámbitos e con distinto grao de experiencia, dende estudantes de doutoramento, ós que se anima de xeito especial a participar para dar a coñecer os seus traballos, ata investigadores sénior de recoñecido prestixio.
A actividade está dirixida a estudantes, profesores, investigadores e calquera outro perfil interesado na temática, tanto pertencentes á Universidade de Vigo coma a outras institucións, e se inaugura este xoves 16 de novembro coa intervención de Eduardo Sánchez.
O anuncio destes seminarios farase dende as plataformas de Campus do Mar e ECOBAS. Pódeste subscribir á nosa lista de distribución no seguinte enlace se queres recibir as alertas.