25/10/2023

ECOBAS consolida o seu avance para converterse en centro de referencia da investigación en ciencias sociais

ECOBAS, o centro de investigación interuniversitario en ciencias sociais, celebrou hoxe a reunión anual dos seus membros adscritos, persoal investigador das tres universidades públicas galegas unido nun proxecto común “moi positivo para o país”. Así o afirmou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel J. Reigosa, quen presidiu o acto de apertura institucional deste Encontro, que tivo lugar no Edificio Redeiras da cidade olívica.

Froito do intenso traballo desenvolvido durante os dous últimos anos, o reitor dixo sentirse “ilusionado e optimista” coa evolución dos resultados. Reigosa destacou a importancia do que en si mesmo significa ECOBAS, “unha “iniciativa 100% galega” que, segundo afirmou, “é un deses proxectos que nun mandato reitorial fan sentir o orgullo desa bandeira común”.

Malia aos atrancos burocráticos e de financiamento que se están a presentar dende a constitución formal do centro no ano 2021, Reigosa considera que ECOBAS “vai agromar para que o país sexa un país mellor”, no que o artellamento conxunto das tres universidades fará que o centro chegue a converterse nun referente das ciencias sociais a nivel estatal e internacional.

Mantendo ese ambicioso horizonte, o reitor agradeceu aos membros da directiva a súa resiliencia e animou ao persoal investigador do centro a seguir adiante no camiño emprendido grazas á alianza das tres universidades, precisamente agora que o centro xa está “constituido con todas as da lei”.

Interdisciplinariedade e colaboración

A estratexia de ECOBAS nesta nova etapa comezará a despregarse tras a presentación formal no día de hoxe dos Comités Científico e de Innovación, o Comité Asesor Externo e o Comité de Igualdade. O sistema de gobernanza colaborativa permitirá nutrir unha ampla axenda científica, asentada sobre a prioridade da sostibilidade económica, ambiental e social.

Con este platexamento, a capacidade de diálogo e cooperación entre as tres universidades supón unha “oportunidade única”, marcada pola xeración de coñecemento interdisciplinar dende a diversidade de perfís que o centro aglutina: economistas, xuristas e persoal investigador de ciencias empresariais,  psicoloxía a socioloxía.

Tanto o director de ECOBAS, Xavier Labandeira, como a directora científica do Centro, María Loureiro, agradeceron o apoio decidido do reitor da Universidade de Vigo a ECOBAS, non só “por acollernos” senon por “ser esa persoa que nós necesitamos” para que o centro continúe nesta evolución tan positiva, con resultados que hai só tres anos “serían impensables”, segundo afirmou Loureiro.

Neste sentido, Loureiro destacou tamén a implicación manifesta da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña, cun papel crucial neste proceso de construcción conxunta, onde “todos nos podemos sentir cómodos le representados”, segundo afirmou.

Traballo investigador ao servizo da sociedade

No marco das actividades deste encontro científico-técnico, ECOBAS ofreceu en emisión aberta a través de streaming  a conferencia “A paisaxe da investigación en Ciencias Sociais” a cargo de Antonio Cabrales Goitia, catedrático da Universidade Carlos III de Madrid, colaborador da Axencia Estatal de Investigación, vicepresidente executivo da European Economic Association e membro do Consello Asesor Externo de ECOBAS.

Ademais das reunións internas de traballo, o programa do encontro abarcou tamén unha sesión informativa do Programa Oportunius de GAIN para a atracción e retención do talento investigador.

Como colofón da xornada, os membros de ECOBAS levarán a cabo unha visita científico-técnica no Porto de Vigo, onde poderán coñecer de primeira man o amplo proxecto de sostibilidade que a Autoridade Portuaria está a implementar.