28/05/2021

ECOBAS, CIM e FUNDAMAR dan comezo ás actividades conxuntas que porán en marcha no marco do convenio de colaboración asinado entre as tres entidades

Este xoves tivo lugar o evento, ‘Investigación e innovación responsable no Ecosistema de I+D+i de Galicia. Exemplo práctico no ámbito mariño’, que se puido seguir en directo a través da plataforma de UVigoTV, e que marca o punto de partida a un programa de actividades conxuntas entre o Centro de Investigación Mariña (CIM), ECOBAS, e a Fundación para a Pesca e o Marisqueo (FUNDAMAR).  

Estas actividades encádranse no convenio de colaboración asinado entre as tres entidades,  que foi presentado na xornada de onte, para a posta en marcha de actividades conxuntas que favorezan o desenvolvemento científico e tecnolóxico e a aplicación práctica do coñecemento en proveito da sociedade. A presentación deste acordo de catro anos de duración, correu a cargo da Vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, o presidente de Fundamar, Javier Touza, e a directora de CETMAR, Paloma Rueda, e o peche do acto tivo lugar da man da Conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana. 
 

O encontro tivo coma tema central a Investigación e Innovación Responsable, coñecida como RRI polas súas siglas en inglés,  e contou cos relatorios do técnico de I+D da Oficina de Proxectos Internacionais da UVigo, Anxo Moreira, e do investigador Starting Grant de ECOBAS, Mario Pansera, que compartiron coa audiencia as súas análises e visións sobre este concepto. Ambos insistiron na necesidade de achegar os axentes sociais á comunidade científica para que a cidadanía, o tecido económico e social e a administración sexan cada vez máis partícipes nun pacto que permita “democratizar o proceso de decisión sobre a ciencia e innovación”, en palabras de Pansera.