
ECOBAS celebrou o Día da Muller e da Nena na Ciencia nun acto organizado pola USC en Santiago
Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2025.- A directora científica de ECOBAS, María Loureiro, foi unha das relatoras convidadas onte ao acto organizado pola Vicerreitora de Política Científica e a Delegada do Reitor para Igualdade da USC no que as responsables universitarias se sumaban á conmemoración en todo o mundo do Día da Muller e da Nena na Ciencia.
A situación actual e as perspectivas de futuro para as mulleres na ciencia foi o tema sobre o que se desenvolveu a mesa redonda coa participación de expertas que desenvolven a súa carreira profesional na institución compostelá -no caso de María Loureiro, como catedrática de Fundamentos de Análise Económica-.
Ademais da súa visión e experiencia, durante o acto presidido pola Vicerreitora Pilar Bermejo Barrera, as persoas asistentes puideron achegarse a unha pluralidade de perspectivas sobre o que significa a carreira científica: a catedrática de Psicoloxía Básica e directora do Instituto de Psicoloxía, Isabel Fraga Carou; a técnica da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento, Susana Torrente Vilasanchez; a investigadora Ramón y Cajal na Facultade de Matemáticas, Saray Busto Ulloa; a investigadora posdoutoral da Xunta de Galicia no Instituto de Humanidades, Alba Moreno Zurita; e a investigadora predoutoral na Facultade de Química, Ana Justo Vega.