
ECOBAS celebra o seu encontro científico anual por primeira vez como Centro Colaborativo da rede CIGUS
-
O equipo investigador do Centro de Investigación Interuniversitario ECOBAS celebrou hoxe o seu encontro científico anual para analizar a traxectoria do Centro e realizar a posta en común da folla de ruta da nova etapa como Centro Colaborativo da rede de excelencia CIGUS.
-
O Comité Avaliador Externo, conformado por académicos de distintas institucións universitarias e do máximo prestixio internacional no eido das Ciencias Sociais, asistiu á reunión para examinar o traballo realizado ata aquí, ao que seguirá un dictame deste órgano con recomendacións para o desenvolvemento futuro do Centro.
ECOBAS, o Centro de Investigación Interuniversitario das Ciencias Sociais, celebrou hoxe no Centro de Estudos Avanzados da USC o seu encontro científico anual. A vicerreitora de Política Científica da USC e membro do Consello Reitor do Centro, Pilar Bermejo Barrera, foi a encargada de abrir a xornada de traballo augurando “un gran futuro para ECOBAS” trala consecución o pasado mes de maio do selo de Centro Colaborativo da rede de excelencia CIGUS da Xunta de Galicia. Bermejo ensalzou o valor da investigación en Ciencias Sociais e compartiu o seu convencemento de que ECOBAS se atopa no camiño correcto para chegar ao recoñecemento como Centro Singular do SUG.
O encontro comezou coa conferencia do profesor convidado Manuel Rocha Armada, da Universidade de Minho, á que seguiu un nutrido debate sobre o equilibro entre a rendibilidade empresarial, o movemento dos mercados de capitais e a necesidade de cumplir cos criterios e as políticas ESG (que integra os factores ambientais. sociais e de goberno corporativo na actividade empresarial), así como sobre os problemas derivados do Greenwashing, aspectos todos eles nos que traballa o equipo investigador de ECOBAS das áreas de Economía e Empresa.
A continuación, a directora científica de ECOBAS, María Loureiro, abriu a sesión interna para presentar ante o Comité Asesor Externo e o equipo investigador a evolución do Centro dende a súa creación, cifrada en 4,9 M€ captados no periodo 2020-2022 e 3,73 M€ no ano 2023. Esta contía supón unha media de obtención de fondos superior a 44.000 euros per cápita (investigadoras/es permanentes) no último exercicio.
A panorámica presentada a través dos indicadores de resultados do equipo investigador arroxa polo tanto un resultado altamente satisfactorio e cun importante potencial de crecemento en áreas como a Transferencia, malia ás deficiencias que, tal como explicou a directora científica, persisten ata o momento. A inexistencia dunha infraestrutura propia, o baixo orzamento dispoñible e un equipo de xestión infradimensionado engaden complexidade ao desafío da posta en marcha dun Centro de nova creación, interdisciplinario e interuniversitario, que continúa a traballar coa maior intensidade para acadar a acreditación da excelencia no sistema CIGUS.
Concluidas as aportacións e suxestións dos membros presentes, a xuntanza rematou coa intervención da profesora Inés Macho Stadler, da Universidad Autónoma de Barcelona (UAB) quen felicitou ao equipo polo traballo realizado e os importantes logros acadados polo Centro dende a súa creación en decembro de 2021.