05/07/2022

ECOBAS celebra a súa botadura como Centro de Investigación Interuniversitario cun encontro na Universidade de Vigo

O evento contou coa presenza de gran parte do seu persoal investigador vencellado, así como diversas autoridades académicas das tres universidades galegas, e co relatorio convidado da catedrática da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria, Beatriz González López-Valcárcel

Este martes celebrouse en Vigo o acto de presentación de ECOBAS como Centro de Investigación Interuniversitario na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo.

Despois de máis dun lustro funcionando coma agrupación estratéxica, ECOBAS da inicio a unha nova etapa, que ten coma punto de partida a ratificación da vinculación do persoal investigador por parte do seu Consello Reitor, integrado polos reitores e as persoas responsables en materia de investigación das tres universidades galegas. Aínda que esta ratificación tivo lugar a finais do pasado mes de abril, a celebración deste acto tivo que ser adiada ata facerse oficial o nomeamento do equipo reitoral da Universidade de Vigo tralas eleccións celebradas a comezos da primavera.

O encontro iniciouse cun seminario de investigación sobre Economía e Saúde impartido pola catedrática da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria, Beatriz González López-Valcárcel, unha das maiores expertas nacionais neste ámbito. Ao finalizar este relatorio deu comezo a presentación institucional do Centro coa benvida por parte do seu director, Carlos Hervés, que agradeceu a asistencia a todas as persoas presentes na sala, e que quixo salientar a reflexión realizada uns minutos antes pola profesora González, sinalando que ‘en investigación sempre é mellor cooperar que competir’.

A continuación tomou a palabra o Reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que presidiu unha mesa na que estivo acompañado polo decano da facultade e polos representantes das outras dúas universidades galegas, que se desprazaron ata Vigo para asistir ao acto. O Reitor cedeu a palabra a María Loureiro, directora científica de ECOBAS, encargada de compartir coa audiencia a axenda científica e o plan estratéxico deste “novo ECOBAS 2.0.”, nas súas propias palabras, e de dar a coñecer as actividades que está a desenvolver o Centro, e unha escolma dos logros acadados ata o de agora polo seu persoal investigador.

O peche do evento correu a cargo do Reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, do Vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, Gumersindo Feijóo, e do Reitor da Universidade da Coruña, Julio E. Abalde. Os tres quixeron incidir na importancia de que as universidades galegas aposten pola creación de centros de investigación interuniversitarios, sobradamente capacitados para competir internacionalmente, e na necesidade de traballar maneira coordinada e con obxectivos comúns para contribuír ao seu éxito.

Xa pola tarde as persoas integrantes do Centro participaron na primeira sesión de traballo do mesmo, na que tiveron ocasión de falar sobre o seu funcionamento, os pasos que se están a dar, e empezar a compartir suxestións e ideas para seguir posicionando a ECOBAS coma un centro de investigación de referencia no eido das ciencias sociais.