
ECOBAS, BIOGA e GAIN presentan a súa alianza no marco da xornada Bioconnect
Responsables de ECOBAS, do Clúster da Biotecnoloxía de Galicia (BIOGA) e da Axencia Galega de Innovación (GAIN) se deron cita hoxe na xornada Bioconnect, encontro no marco do cal se deu a coñecer a alianza estratéxica que as tres entidades están a artellar para mobilizar a transferencia do coñecemento no ecosistema ciencia-empresa dun sector produtivo clave para o futuro de Galicia.
A manager de BIOGA, Loli Pereiro, foi a encargada de abrir a xornada, durante a que tamén tivo lugar a presentación do novo programa NEXOS, convocatoria pública que se abrirá na segunda quincena de xullo cunha dotación de máis de 20 millóns de euros. O xefe do departamento de Xestión de Axudas de GAIN, Juan Carlos Porrúa, presentou os detalles desta nova liña de axudas destinadas a agrupacións de empresas que realicen proxectos de I+D+i en colaboración aliñados cos retos e prioridades definidas no marco da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027.
Sobre esta base do fomento da colaboración público-privado, a coordinadora de Transferencia de ECOBAS e catedrática da USC Isabel Neira, explicou ante a vintena de empresas asistentes o poder innovador e transformador que xurdirá da aposta estratéxica e da suma de capacidades entre ECOBAS, BIOGA e GAIN. Impulsar a bioeconomía, asegurar o uso eficiente e a valorización dos recursos endóxenos do territorio e promover novos modelos sostibles para o sector son os obxectivos dunha alianza que porá o foco en pemes e outros axentes do ecosistema (startups, spin-offs, axentes de la I+D).
As tres entidades teñen prevista a posta en marcha de iniciativas en catro eixos clave:
• Caracterización e conexión do ecosistema BioCircular: identificación de recursos e axentes estratéxicos.
• Formación e retención de talento, con accións formativas e unha plataforma de conexión entre profesionais e empresas.
• Transferencia de solucións bioeconómicas a pemes mediante mentorías, avaliación do impacto e difusión de boas prácticas.
• Creación dunha Rede de Cooperación BioCircular.
Na segunda metade da xornada, os representantes das empresas participantes e os representantes de ECOBAS se dividiron en grupos para realizar unha dinámica colaborativa, unha sesión de traballo para identificación de retos e oportunidades de colaboración directa e posibles proxectos conxuntos.


