17/01/25

ECOBAS amplía o seu equipo investigador coa incorporación de 42 novos membros das tres universidades

  • Na súa reunión de comezo de ano, o Consello Reitor do Centro de Investigación Interuniversitario aprobou a proposta de adscrición do novo persoal, que agora deberá asinar o preceptivo compromiso de adhesión
  • O máximo órgano de goberno tamén nomeou como novo director adxunto ao investigador permanente Pablo Cabanelas, que substitúe neste posto a Xavier Labandeira

ECOBAS, o Centro de Investigación Interuniversitario de Ciencias Sociais, ven de aprobar a ampliación do seu equipo investigador coa avaliación positiva de 42 candidaturas procedentes das tres universidades galegas. O comité asesor externo encargado do proceso emitiu informe positivo sobre os perfís de 20 persoas investigadoras da Universidade da Coruña, 14 da Universidade de Santiago de Compostela e 8 da Universidade de Vigo. Unha vez asinado o compromiso de adhesión ao Centro, o equipo quedará conformado por un total de 122 investigadoras e investigadores, acadando así unha maioría de representación de mulleres: 51,6% fronte ao 48.4% de homes.

O resultado do proceso de adscrición de novos membros, aprobado polo Consello Reitor de ECOBAS na súa reunión de inicio de ano, foi calificado pola directora científica de ECOBAS como “altamente satisfactorio, non só pola cantidade, senón pola calidade dos perfís que recibimos”. Esta adscrición supón un incremento dun 52% de membros na plantilla e fortalecerá de forma significativa a representación nas áreas de empresas (21 incorporacións) e de economía (14).

A multidisciplinariedade de ECOBAS, con representación nas distintas áreas das Ciencias Sociais, quedará tamén fornecida coa suma de novas persoas expertas nos ámbitos do Dereito e a Administración Pública (5) e de Educación e Traballo Social (2).

As novas incorporacións, coas que se completa o equipo investigador nacido en abril de 2002 trala creación do centro, aportarán tamén maior equilibrio na representación interuniversitaria, onde o maior volumen de persoal seguerá a corresponder á Universidade de Vigo (43,4%), mentres a Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela quedan practicamente equiparadas (28,7% e 27,9%, respectivamente).

Relevo na dirección adxunta

No tocante á estrutura de goberno do Centro, o Consello Reitor de ECOBAS, ao que pertencen os reitores das tres universidades do SUG, aprobou o cese de Xavier Labandeira tras case dous anos como director adxunto, así como o nomeamento do investigador Pablo Cabanelas, con carácter oficial dende este luns, 13 de xaneiro.

Investigador do equipo permanente de ECOBAS dende 2022, Pablo Cabanelas é profesor titular do Departamento de Organización de Empresas e Marketing da Universidade de Vigo. Con dous sexenios de investigación recoñecidos por ANECA, actualmente é investigador principal do proxecto FARCLIMATE, da Misión Clima da Unión Europea. Ademais, o novo director adxunto de ECOBAS ten dirixido e participado en más de 20 contratos de transferencia da investigación con diferentes institucións rexionais, nacionais e europeas. Vicepresidente da Academia Europea de Dirección da Economía da Empresa (AEDEM) como responsable de investigación, Cabanelas tamén actúa como editor asociado de revistas científicas de prestixio internacional como Journal of Business and Industrial Marketing e European Research on Management and Business Economics.