11/10/2023

Dous investigadores de ECOBAS, María Loureiro e Juan Carlos Reboredo, entre o 2% dos científicos máis citados do mundo

María Loureiro e Juan Carlos Reboredo, ambos investigadores adscritos a ECOBAS dende o seu nacemento como centro de investigación interuniversitario do SUG no ano 2021, son dous dos académicos galegos incluidos na clasificación de científicos máis citados do mundo, o prestixioso World’s top 2% scientists’ ranking de Stanford University.

Esta listaxe, baseada en datos de Elsevier, acaba de facerse pública baixo a coordinación de John P. A. Ioannidis, ordeada en función de diversos parámetros normalizados como as citas, o índice h, o índice hm axustado por coautoría, ou citas de artigos en diferentes posicións de autoría. Ademais da perspectiva global que toma en consideración toda a carreira investigadora do persoal investigador (período 1996-2022), compleméntase cunha segunda táboa que recolle a aquelas persoas entre o 2% máis citadas polas súas publicacións actualizadas a finais do ano 2022.

María Luz Loureiro García, directora científica de ECOBAS, é doutora pola Washington State University (EEUU) e Catedrática do Departamento de Fundamentos de Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) dende 2010. Os seus eidos de especialización en investigación son a economía ambiental e a economía da saúde. É Investigadora Principal (IP) do grupo ECO-IURIS da USC, pertencente ao catálogo de grupos de referencia competitiva da Xunta de Galicia.

Juan Carlos Reboredo Nogueira, doutor pola Universitat Autònoma de Barcelona (UAB) e tamén Catedrático do Departamento de Fundamentos de Análise Económica da USC, pertence ao grupo AEMI, Análise Económica dos Mercados e Institucións. Desenvolve a súa carreira investigadora principalmente no eido da economía financeira e enerxética, así como da economía medioambiental e dos recursos naturais.

Parabéns aos dous por este merecido recoñecemento!!!