
David Soto Oñate volve á UVigo despois dunha estadía de dous anos en EEUU cunha bolsa Fulbright
O investigador realizou esta estadía gracias a un programa conxunto da Xunta de Galicia e a Comisión Fulbright.
O investigador realizou esta estadía gracias a un programa conxunto da Xunta de Galicia e a Comisión Fulbright. Para optar a estas axudas é preciso conseguir un contrato postdoutoral do goberno autonómico e pasar dous anos nun centro de investigación (ou varios) de EEUU.
“É como se a Xunta de Galicia fixera o proceso de selección para Fulbright. O salario proviña da Xunta, e o seguro médico de Fulbright. No meu caso foi economicamente suficiente. Unha vez concedido o contrato entras inmediatamente a formar parte do programa Fulbright que ofrece un apoio espectacular. Asistíronme en todos os trámites (que son moitos: visado, seguro, trámites coa universidade…) e fixeron un seguimento constante da miña situación. Incluso no medio da pandemia ofertáronme ir de balde nun voo de repatriación a Europa que estaban a organizar. Cambia moitísimo ir só a EEUU ou con esta axuda. Eu xa fixera outra estadía de investigación nos EEUU en 2016, e o proceso fora moitísimo máis pesado operativa e emocionalmente. Nada que ver”, explica David.
O proxecto de investigación que levou acabo alí era a continuación dunha das partes máis importantes da súa tese de doutoramento
“O estudo trata de demostrar a importancia dos sistemas culturais para facer que as institucións políticas e económicas operen axeitadamente. Para iso, intentei demostrar que certos trazos culturais que promoven a cooperación e a participación social entre a cidadanía fan mellorar o funcionamento das democracias liberais occidentais. Aínda que isto é observable a nivel internacional, centrei a análise no caso das rexións españolas, e quedou ben bonito. Podedes ver o resultado no working paper que subimos un compañeiro da Universidade de Indiana e máis eu a SSRN: https://papers.ssrn.com/sol3/papers.cfm?abstract_id=3625273. Intentaremos colocalo nunha boa revista, ¡a ver se hai sorte!”, comenta o investigador.
Ostrom Workshop foi o centro onde realizou a estadía
“Este centro chámase así en honor a Elinor Ostrom e ao seu marido, Vincent Ostrom, que fundaron o centro e o dirixiron durante décadas. Elinor Ostrom foi Premio Nobel de Economía. Aínda que o seu traballo trataba fundamentalmente de análise institucional, e defendía a relevancia da cultura e o chamado capital social, foi máis coñecida polos seus traballos sobre a gobernanza dos bens comúns (fundamentalmente recursos naturais de propiedade colectiva). O propio centro estaba moi orientado cara a gobernanza dos recursos naturais. Por iso, unha vez alí, inspirado nese ambiente, fun gradualmente estendendo o meu traballo a algunhas liñas de investigación antigas e novas que tiñan máis que ver coa economía ecolóxica e a gobernanza dos recursos naturais. Neste período de dous anos estiven tamén traballando en gobernanza de pesquerías, no réxime internacional sobre contaminación por vertidos de hidrocarburos, e en economía circular”, explica.
David segue mantendo contacto regular cos investigadores que coñeceu na súa experiencia, cos que está levando a cabo traballos de investigación sobre economía política e xestión de recursos naturais. Ademais participa no grupo de traballo de “policentricidade” do Ostrom Workshop.
“A experiencia foi moi boa, a nivel persoal e profesional”
“A vida no campus era unha marabilla. Estaba situado en medio dunha paraxe natural espectacular. Alí estábamos os preto de 50mil membros da comunidade universitaria. O campus estaba cheo de esquíos, e era moi común atoparse con mapaches, mofetas e corzos (incluso cruceime algunha vez cunha donicela e cun coiote en pleno campus). A vida social era multicultural, amable e intelectualmente estimulante. Por outra banda, tamén se experimentaba a vida propia do midwest de EEUU: vehículos xigantes, alarma de tornados, civís portando armas tranquilamente…”.
“A vida académica foi moi enriquecedora. Alí os investigadores fan un esforzo considerable para visibilizar o seu traballo, e os centros animan á participación dos membros da comunidade. Constantemente celébranse seminarios e debates tratando de atraer aos propios estudantes e aos compañeiros doutros centros. Técense redes multidisciplinares moi útiles e produtivas. O ambiente nos seminarios é sempre construtivo e amable, tanto nas preguntas como nas respostas. Hai unha cultura da participación e do debate moi sa. Penso que a experiencia nestas dúas dimensións axudáronme a desenvolver habilidades e actitudes moi relevantes para a vida académica: unha maior capacidade para moverme en ambientes multiculturais, unha maior orientación cara os resultados, maior tolerancia á diversidade disciplinar, maior capacidade para crear e traballar en equipos eficaces, etc. Ademais, dotoume dunha importante cantidade de amigos e unha extensa rede profesional”, cóntanos o académico.
“Agardo que as cousas cambien e que eu e tantos outros investigadores novos podamos atopar un lugar en Galicia para desenvolver o noso traballo”.
A pesar de que a experiencia foi moi estimulante, David quere seguir traballando en Galicia. “O meu proxecto de vida está en Galicia. Moi mal terían que tratarme aquí para que decida marcharme a outro país. Eu fixen este esforzo de marchar dous anos precisamente para fortalecerme como profesional, e ter a posibilidade de desenvolver o meu proxecto vital aquí, traballando en Galicia e para Galicia. Sen embargo, as cousas están moi complicadas para os investigadores novos, aínda que parece que agora hai unha actitude favorable dende o goberno do Estado para resolver esta situación. Agardo que esta actitude se traduza nunha mellora das condicións para este colectivo. Sen dúbida esta estadía colocoume nunha boa situación para seguir impulsando a miña carreira investigadora e finalmente acadar algo de estabilidade. Ao final coido que moitos de nós so queremos iso: poder seguir traballando con algo de estabilidade”.
A pandemia da Covid-19 tamén afectou a súa estadía
“Ao principio pensei que non me ía a afectar moito, pero tras medio ano co centro de investigación pechado e todas as actividades presenciais interrompidas decidín voltar a Galicia. A Xunta ofreceume quedarme 6 meses máis coa esperanza de que a situación mellorase. Pero a situación dista moito de acabar. A actitude do presidente foi moi distinta a dos países europeos. Xamais houbo medidas decididas para frear os contaxios dende o goberno federal, e ademais atacábanse abertamente aos estados que si impoñían medidas efectivas. Houbo tamén ataques constantes dende a Casa Branca á comunidade científica e á poboación estranxeira. Eu non daba crédito. Nin eu nin ningún dos meus compañeiros estadounidenses. Nas zonas rurais en cambio si que había moito apoio a Donald Trump. Xa veremos que ocorre nas eleccións de novembro”, matiza Soto.
Retos de futuro
“Na actualidade non busco tanto novas liñas de investigación, senón intentar escoller ben algunha delas e centrar os meus esforzos aí. Gústame interesarme por diversos temas e coido que iso fíxome desenvolver unha gran versatilidade como investigador. Sen embargo, agora tócame centrar os esforzos nunha liña e formar candidaturas robustas para proxectos de investigación internacionais.”
“A economía circular está acadando moita atención internacionalmente. Eu noto que os meus traballos sobre economía circular reciben máis atención ou, polo menos, son moito máis vistos e citados. Ademais, esta ven sendo dende hai anos un área de interese para Unión Europea como estratexia fundamental para a transición cara a un progreso económico sostible. É moi probable que tras finalizar os proxectos que teño abertos, concentre a miña enerxía na economía circular”, resume David.