27/02/2017

Da comezo o proxecto LitterDrone, que conta coa participación do grupo iMark

O pasado xoves 23 de febreiro celebrouse o acto de presentación do proxecto LitterDrone, liderado polo Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual (GPI-RV) da Universidade de Vigo e no que tamén participa o grupo iMark, pertencente a ECOBAS.

O pasado xoves tivo lugar na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do Campus de Vigo a presentación do proxecto LitterDrone (Development and Exploitation of Innovative Tools for Remote Marine Litter Control and Management through UAVS), que conta cunha axuda da última convocatoria europea do programa BlueLabs. O Reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, foi o encargado inaugurar o acto, e salientou no seu discurso a importancia deste tipo de proxectos colaborativos e o grande éxito acadado pola UVigo nesta convocatoria, xa que participa en tres das catro propostas seleccionadas entre as cincuenta presentadas.  

O proxecto está centrado no problema do lixo existente nas zonas costeiras procedente dos océanos coma consecuencia da actividade humana, e ten como obxectivo o desenrolo dun sistema de localización, tipificación e caracterización de residuos mediante a utilización de vehículos aéreos non tripulados, coñecidos coma drons.
 

A iniciativa, que terá unha duración de dous anos e conta cun presuposto de 390.000€, está liderada pola Universidade de Vigo, en concreto polo Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual (GPI-RV), contando tamén coa participación do grupo iMark, pertencente a ECOBAS, que se encargará do estudo do modelo de negocio da tecnoloxía que xurda coma resultado desde proxecto. Ademais destes grupos, o consorcio o completan a empresa de material topográfico Grafinta e a Asociación Española de Basuras Marinas (AEBAM).

Máis información:
La Universidade de Vigo localizará basura en las Cíes con drones (La Voz de Galicia)
O proxecto LitterDrone empregará vehículos aéreos non tripulados para a detección de lixo mariño (DUVI)