05/10/2022

Nova edición do Curso de Especialización da Cátedra Inditex-UDC de Sostibilidade

A Cátedra Inditex-UDC de Sostibilidade abre o prazo de preinscrición para o Curso de Especialización en Sostibilidade e Innovación Social (CESIS), que se impartirá entre os meses de xaneiro e maio de 2023. As persoas interesadas en acceder a este título propio de posgrao, impartido pola Universidade da Coruña, poderán presentar a correspondente solicitude entre o 29 de setembro e o 11 de novembro de 2022 a través da páxina www.catedrainditex.com

A duodécima edición do CESIS incorporará contidos especificamente dirixidos a todos aqueles estudantes, recentemente graduados e profesionais con interese en profundar e desenvolver a súa carreira profesional en ámbitos vinculados á sustentabilidade e a responsabilidade e innovación social.

O programa académico, que se desenvolverá ao longo de 625 horas lectivas, incluíndo sesións presenciais e traballo non presencial, contará coa participación de máis dunha trintena de especialistas de recoñecido prestixio vinculados a empresas, institucións académicas, entidades non lucrativas e administracións públicas de proxección no ámbito nacional e internacional.

O plan de estudios do CESIS foi diseñado para poñer en valor, desde unha perspectiva eminentemente práctica, a experiencia do claustro docente e o talento dos máis de 300 egresados que forman parte da rede alumni da Cátedra. Ao longo do curso, farase especial hincapé no estudo das iniciativas máis innovadoras impulsadas por distintas organizacións, públicas e privadas, coa finalidade de contribuir á xeración conxunta de valor económico, social e medioambiental.

Máis información