
Curso 25/26: Novo Mestrado Interuniversitario de Economía Circular
Baixo a coordinación da investigadora de ECOBAS Elena Rivo e profesora da Universidade de Vigo, o vindeiro curso 25/26 bota a andar no Campus da Auga o novo Mestrado Interuniversitario de Economía Circular, un título que será compartido polas tres universidades galegas cun cadro docente integrado por persoal experto multidisciplinar, no que participan as ciencias ambientais, a enxeñaría e diversas áreas das ciencias sociais.
📚 O programa abrangue nos seus 6 módulos asignaturas centradas na economía circular, xestión sostible de recursos, innovación empresarial e ferramentas prácticas para afrontar os retos ambientais e sociais.
👉 2º prazo de preinscrición do 22 ao 27 de agosto.
📅 Comezo das clases: 8 de setembro 2025.
A estrutura de materias e os contidos incluídos están orientados aos seguintes obxectivos:
- Identificar áreas específicas de actuación das múltiples “R”: redeseñar, refabricar, reparar, redistribuír, reducir, reutilizar, reciclar, recuperar; e desenvolver neses ámbitos solucións técnicas sostibles.
- Aplicar os fundamentos do ecodiseño no deseño de produtos e servizos.
- Definir estratexias para a redución e xestión de residuos da organización e implementar técnicas de tratamento e valorización de materiais e residuos.
- Deseñar e implementar novos modelos de negocio circulares e colaborativos orientándoos cara á neutralidade climática, incluíndo os coñecementos necesarios para o desenvolvemento dun plan de negocio.
- Impulsar o uso de tecnoloxías limpas e de fontes de enerxía renovables, así como o desenvolvemento de estratexias de xestión eficiente da auga e a enerxía.
- Promover e difundir os principios, fundamentos e vantaxes da economía circular, así como o compromiso da organización con este novo paradigma e coa economía social.
- Empregar as tecnoloxías da información e as comunicacións e as novas tecnoloxías emerxentes para implementar e optimizar os modelos de economía circular.
- Coñecer diferentes ferramentas para o deseño de estratexias políticas en favor da circularidade económica e social.
Accede á información completa na web oficial do título: Mestrado Interuniversitario de Economía Circular.