Convocatorias predoutorais e posdoutorais abertas
Actualmente atópanse abertas unha serie de axudas públicas de financiamento para a contratación de persoal investigador en etapas pre- e posdoutorais.
Animamos a aquelas persoas que cumpran coas condicións para solicitar algunha destas axudas, e estean interesadas en incorporarse a ECOBAS, a poñerse en contacto con nos a través do correo .
AXUDAS DE APOIO Á ETAPA PREDOUTORAL NAS UNIVERSIDADES DO SISTEMA UNIVERSITARIO DE GALICIA, NOS ORGANISMOS PÚBLICOS DE INVESTIGACIÓN DE GALICIA E NOUTRAS ENTIDADES DO SISTEMA GALEGO DE I+D+i (XUNTA DE GALICIA)
Estas axudas van dirixidas á contratación de persoal investigador nas primeiras fases da súa carreira, para o desenvolvemento dun proxecto de tese doutoral. A principal novidade este ano con respecto a convocatorias anteriores é que a duración das axudas será de catro anos. No caso de que a persoa contratada obteña o seu doutoramento antes de dar comezo ó seu carto ano de contrato, este será un ano de contrato de capacitación para a formación posdoutoral. Ademais, non se esixe ás persoas candidatas estar xa matriculadas nun programa de doutoramento, aínda que si que deberá existir un compromiso de matrícula.
- Prazo de solicitude: ata o 28 de febreiro de 2022 (débese ter en conta que as universidades e organismos de investigación poden ter prazos internos propios máis reducidos)
- Condicións máis relevantes que debe cumprir o persoal solicitante: o ano de finalización dos estudos conducentes ó titulo de licenciatura, grao ou equivalente debe ser posterior ó 1 de xaneiro de 2018
- As solicitudes deberán tramitarse a través dalgunha universidade ou centro de investigación galego
AXUDAS DE APOIO Á ETAPA DE FORMACIÓN POSDOUTORAL NAS UNIVERSIDADES DO SISTEMA UNIVERSITARIO DE GALICIA, NOS ORGANISMOS PÚBLICOS DE INVESTIGACIÓN DE GALICIA E NOUTRAS ENTIDADES DO SISTEMA DE I+D+i GALEGO (XUNTA DE GALICIA)
Estas axudas van dirixidas á contratación de persoal investigador doutor nas súas primeiras etapas posdoutorais durante un período de 3 anos. Durante este tempo o persoal contratado deberá realizar unha estadía nun centro de investigación estranxeiro dun mínimo de 12 e un máximo de 24 meses, ben de forma continuada ou en dous periodos de 12 meses cada un.
- Prazo de solicitude: ata o 28 de febreiro de 2022 (débese ter en conta que as universidades e organismos de investigación poden ter prazos internos propios máis reducidos)
- Condicións máis relevantes que debe cumprir o persoal solicitante: o ano de finalización dos estudos conducentes ó titulo de licenciatura, grao ou equivalente debe ser posterior ó 1 de xaneiro de 2011, e o grao de doutor debe ter sido obtido con posterioridade ó 1 de xaneiro de 2017.
- Modalidade Fullbright: para realizar estadías en universidades e centros de investigación dos Estados Unidos de América. Haberá dúas sesións informativas sobre esta modalidade os días 9 e 17 de febreiro, ás 17.00h. Para asistir é preciso rexistrarse neste enlace.
- As solicitudes deberán tramitarse a través dalgunha universidade ou centro de investigación galego
AXUDAS PARA CONTRATOS PARA A FORMACIÓN DE INVESTIGADORES/AS EN EMPRESAS – DOUTORADOS INDUSTRIAIS (MINISTERIO DE CIENCIA E INNOVACIÓN)
Estas axudas, de catro anos de duración, teñen coma finalidade a formación de doutores en empresas mediante o cofinanciamento dos contratos laborais do persoal investigador en formación que participen nun proxecto de investigación industrial ou de desenvolvemento experimental que se leve a cabo nunha empresa, no que enmarcará a súa tese doutoral. O proxecto pode executarse na súa totalidade na empresa, ou entre a empresa e outra entidade, pública ou privada.
- Prazo de solicitude: ata o 24 de febreiro de 2022
- Condicións máis relevantes que debe cumprir o persoal solicitante: estar en disposición de estar matriculado ou admitido nun programa de doutoramento nunha universidade española para o curso 2022/23 no momento da formalización do contrato; non ter estado vinculado laboralmente coa entidade coa que solicita a axuda con anterioridade ó 19 de febreiro de 2021; non ter desfrutado dunha axuda durante máis de 12 meses no marco dalgún dos Plans Estatais ou Nacionais de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica cuxo obxectivo sexa a formación predoutoral; non estar en posesión do título de doutor/a por calquera universidade española ou estranxeira.
- As solicitudes deberán tramitarse a través dunha empresa.