16/03/2021

Conversas, unha iniciativa para achegar a ciencia á sociedade

Conversas é un ciclo de conferencias de divulgación promovido polo proxecto “meta.” da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense (FCETOU).

Conversas é un ciclo de conferencias de divulgación promovido polo proxecto “meta.” da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense (FCETOU). Nestes faladoiros investigadoras e investigadores comparten escenario con profesionais, directivos, empresarios/as, emprendedores e outros axentes sociais. Os temas das conversas son de interese xeral, tratando temas de actualidade relacionados co mundo da empresa e a súa relación coa sociedade e o medio ambiente. O obxectivo principal desta iniciativa é divulgar, promover o debate e a crítica de novos coñecementos, ideas e opinión a amplos colectivos sociais.

Hoxe falamos con Ernesto López-Valeiras, profesor da FCETOU e coordinador de “meta.”, e Xurxo Baca, deseñador e mentor en “meta.”, un proxecto de mentoring que pon en contacto a directivas e directivos cunha traxectoria profesional relevante con estudantes de últimos cursos co obxectivo de que os apoien e lles dean consello para un adecuado desenvolvemento profesional e persoal. Ademais, busca transmitir valores de sustentabilidade, solidariedade e ética nos negocios.    

Meta é o proceso de aprendizaxe persoal no que un mentor comparte o seu tempo e coñecementos para que un mentorizado descubra novas perspectivas que lle axuden a progresar cara ás metas futuras. Meta non é un fin. É un camiño.   


Este ano, que é o segundo que se celebra, participan 7 mentores e 8 mentorizados. Entre as actividades grupais que realizan atópase o ciclo Conversas.


Conversas é unha aposta que nace das ganas de aprendermos das experiencias”

“O ciclo de Conversas nace no seo do proxecto ”meta.” da FCETOU. Como parte dos valores, queremos promover a importancia de explorar territorios que descoñecemos, por iso cremos cegamente no valor de escoitar. Conversas é unha aposta que nace das ganas de aprendermos das experiencias vividas, das decisións tomadas, das decisión que non se tomaron, dos acertos que foron erros, dos erros que foron acertos, e doutros tantos azares que ao longo da vida definen aquilo no que nos convertemos”, reflexiona o deseñador Xurxo Baca.


Como se estruturan as conversas?

“Eu son o coordinador académico desta actividade, e xunto con Xurxo Baca, coordinador profesional, deseñamos o formato xeral. Cada Conversa é organizada por un mentor e o seu mentorizado. Eles propoñen un poñente invitado e un profesor-investigador e organizan a Conversa: data, contido, formato, etc. O mentor e o profesor/a-investigador/a acompañan ao poñente na Conversa. Esta combinación de distintos perfís favorece o debate e a reflexión, así como o acercamento da investigación á sociedade”.

“Tratamos de que participen persoas que teñan cousas interesantes que contar. Escoitarnos a través do relato alleo permítenos imaxinar outras realidades, e axúdanos a camiñar cara a un mundo mellor. Xurxo, ó igual que cada mentor, aporta una visión allea á do mundo educativo, e isto é o que nos enriquece como profesionais e como persoas. Ao ser deseñador son moi interesantes os procesos que leva a cabo para encontrar solucións a diferentes problemas. Creo que todo está moi conectado, máis do que poidamos pensar”, comenta o profesor Ernesto López-Valeiras.

Esta actividade nace con vocación de permanencia. Polo momento, teñen previsto realizar Conversas de forma periódica, cunha frecuencia bimensual. O formato prioritario é o presencial, pero tamén se retransmiten de forma telemática a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo.

Primeiras sensacións


“A acollida das Conversas superou as nosas expectativas. Por sorte, puidemos facer algunhas presenciais, e cubríronse as prazas dispoñibles, limitadas polo protocolo COVID. A retransmisión a través do Campus Remoto permitiu que chegase a un grande número de persoas”, sinala Ernesto.

A divulgación científica é un dos grandes temas pendentes dos investigadores. O formato das Conversas, combinando as perspectivas académicas e profesionais, pode facilitar a chegada da mensaxe á sociedade. Polo momento esta iniciativa conta coa colaboración do Campus de Ourense, a Asociación Iberoamericana de Control de Xestión e de ECOBAS, pero en datas próximas incorporaranse outros patrocinadores que colaboren coa organización destas actividades.