11/11/2022

ECOBAS organiza un encontro conmemorativo en Muxía polo 20º aniversario do Prestige

Esta mañá levouse a cabo no Parador de Muxía a xornada “Prestige, 20 anos despois” organizada polo Centro de Investigación Interuniversitario ECOBAS coa colaboración de Paradores, Fresco y del Mar e Bela Muxía.

O evento comezou cunha mesa redonda onde tomaron a palabra investigadores expertos no ámbito climático coma Ricardo Beiras, catedrático en Ecoloxía na Universidade de Vigo ou Juan Garrido Fernández, profesor en Enxeñaría Química, que falaron amplamente sobre como a traxedia afectou a flora e fauna da costa da morte. A Directora Científica de ECOBAS, María Loureiro, e os Catedráticos Antonio García Allut e Ricardo García Mira, Antropoloxía Social e Psicoloxía Social respectivamente, abarcaron tamén os principais efectos socio-económicos do naufraxio e como afectou a toda a comunidade. Ramón Sabín, fundador do gabinete Sabín Abogados, compartiu tamén como se viu afectada a lexislatura medioambiental nos últimos 20 anos.

Continuamos despois cunha mesa redonda de actores sociais que estiveron na costa da morte fai 20 anos axudando e limpando as praias e auxiliando á fauna local. “A nosa preocupación polo océano é constante e marca todas as nosas accións”, señala Milucho Louro, portavoz de Fresco y del Mar. Xunto a el, Sven Schewebsch and Sole Méndez foron dous dos centos de voluntarios que “pararon” a súa vida para vir colaborar nas tarefas de limpeza.

Cerrouse a xornada cunha actuación moi especial do acordeonista cense Fernando Fraga.

 

Podedes volver a ver o video do evento na nosa canle de Youtube