10/01/2017

Carlos Gradín, investigador do grupo ECOSOT, trasládase ó UNU-WIDER de Helsinki

O investigador Carlos Gradín trasladarase ó centro de investigación da Universidade das Nacións Unidas UNU-WIDER durante este ano para aportar os seus coñecementos e experiencia en proxectos de investigación sobre desigualdades entre grupos de poboación.

O Catedrático Carlos Gradín, investigador de ECOBAS e membro do seu Comité Científico-Executivo, incorporarase dende o vindeiro 23 de xaneiro ó UNU-WIDER (United Nations University – World Institute for Development Economics Research), situado en Helsinki (Finlandia).  O UNU-WIDER é o primeiro dos centros de investigación creados pola Universidade das Nacións Unidas e conta xa cunha traxectoria de 30 anos. Este organismo está dedicado á investigación no ámbito da economía, realizando análises e asesoramento en políticas económicas co obxectivo de promover un desenvolvemento sostible e equitativo.  

Carlos Gradín trasladarase a este centro durante polo menos un ano para aportar os seus coñecementos e experiencia investigadora  a diversos proxectos sobre desigualdades entre grupos de poboación (especialmente por raza ou xénero) en diferentes países. Ademais, colaborará no desenvolvemento dunha rede de investigación sobre este tema, na organización de eventos científicos e na formación de investigadores en países en vías de desenvolvemento.