
“As escalas da Desigualdade: Do Global ao Local”, proxecto STEMBACH de 10, titorizado por dous investigadores de ECOBAS
Nora Candi García e Daniela Paz Vázquez, alumnas de bacharelato do IES As Mariñas de Betanzos, son as autoras do traballo titulado “As escalas da Desigualdade: Do Global ao Local”, proxecto STEMBACH que obtivo a calificación de 10 presentando unha análise da desigualdade de tipo económica en diferentes ámbitos territoriais -CCAA, provincias e a comarca de Betanzos- nun marco temporal dende 2015 a 2021.
Segundo elas mesmas relatan, traballar con Estefanía Mourelle e Manuel Alberto Gómez -investigadores de ECOBAS e profesores da UDC directores deste traballo- foi un proceso moi
enriquecedor, estando “ao noso alcance para todo neste proceso de investigación”, facendo que a experiencia, “un tanto abrumadora para estudantes de segundo de bacharelato, fose moito menos complicada e agradable”.
As alumnas encararon un traballo de análise da desigualdade de tipo económica en diferentes ámbitos territoriais (CCAA, provincias e a comarca de Betanzos) nun marco temporal recente, establecido entre o ano 2015 e o 2021. Este límite temporal de sete anos coincide coa irrupción da pandemia da Covid-19, “o que permitirá avaliar a súa posible incidencia na desigualdade en España”. Os datos analizados foron obtidos do INE e, en relación ás medidas de desigualdade, Nora e Daniela empregaron o índice de Gini e a ratio quintil, “motivadas polo seu uso nacional e internacional”.
Como conclusións, a partir de “variables interesantes” como a proporción de pensionistas, maiores de 65 e tasa de paro, “observamos como se establecen dúas correlacións negativas (proporción de pensionistas e maiores de 65) e unha positiva (tasa de paro), as tres en relación ao índice de Gini. Levada a cabo a análise de regresión simple ou rectas de regresión, os resultados amosan que tanto a proporción de pensionistas como a proporción de poboación maior de 65 años afectan de forma negativa á desigualdade, mentres que a tasa de paro o fai, pero de forma positiva”.
Moitos parabéns por este brillante traballo, enfoque e resultado, plenamente aliñado coa perspectiva da investigación en economía para o progreso e o benestar da sociedade que promove ECOBAS.