Adina Dumitru, investigadora garante de ECOBAS, nomeada membro do Comité Científico da Axencia Europea de Medio Ambiente
Adina Dumitru, profesora da Universidade da Coruña e investigadora garante de ECOBAS, vén de ser designada membro do Comité Científico da Axencia Europea de Medio Ambiente. Seleccionada mediante un proceso aberto ao que se postularon 170 profesionais en diversas áreas de especialización de interese para a Axencia, o seu mandato será de catro anos, renovables, con inicio da actividade partir do 1 de xaneiro de 2025.
Apaixoada da natureza, a saúde e os estilos de vida sostible, como ela mesma se define, a incorporación de Adina Dumitru a este órgano asesor permitirá abordar a temática de “Transicións Xustas” no marco dos programas de traballo da Axencia.
O Comité Científico da Axencia Europea de Medio Ambiente asesora á Xunta Directiva e ao director executivo e componse de destacados científicos independentes dos países membros da Axencia, que cobren diversas áreas ambientais como o uso de recursos, economía circular e residuos, saúde e medio ambiente, océanos e economía azul sostible, biodiversidade, clima e transicións cara á sostibildade.
A Axencia Europea de Medio Ambiente
A Axencia Europea de Medio Ambiente é a entidade comunitaria encargada de proporcionar coñecementos e información científica para apoiar os obxectivos ambientais e climáticos de Europa, desde a súa creación en 1994. A súa sede sitúase en Copenhague (Dinamarca).
Os principais obxectivos desta son apoiar o desenvolvemento de políticas ambientais a nivel europeo e global, ofrecer asesoramento científico, e proporcionar e manter unha infraestrutura de intercambio de información a nivel tanto nacional como internacional.