19/05/2025

A Xunta de Galicia reúnese cos tres centros de investigación interuniversitarios en materia de I+D+i

  • O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional recibe os representantes dos centros CISPAC, ECOBAS e CITMAGA

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2025.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, reuniuse hoxe con representantes dos centros de investigación interuniversitarios de Galicia: o Centro de investigación interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), o Centro de investigación Economics and Business Administration for Society (ECOBAS) e o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA) para avaliar as diferentes liñas de apoio do Goberno galego a estas entidades universitarias.

O conselleiro, que estivo acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, coñeceu de primeira man as necesidades destes centros e expuxo o compromiso da Xunta coa excelencia científica e coa cooperación institucional, garantindo un apoio sólido e legal aos centros en función da súa calidade, viabilidade e impacto no sistema galego de I+D+i.

O representante do Goberno galego recordou que ECOBAS recibiu máis de 400.000 euros da convocatoria de acreditación de centros de excelencia da Rede CIGUS para o periodo 2024-2027, dacordo coa categoría de centros de investigación colaborativos, que aspira a ser membro desta rede. Estas axudas garanten o financiamento basal dos centros, o que lles permite  gozar de estabilidade económica para desenvolver a súa actividade e contan co cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

No transcurso da xuntanza, o conselleiro lembrou que Galicia conta cun modelo propio de investigación universitaria, que sitúa a Galicia entre as cinco mellores autonomías do Estado en apoio á actividade investigadora. De feito, é a única Comunidade cun programa completo de formación investigadora, é dicir, para as etapas predoutoral e posdoutoral, que se seguirá impulsando ao abeiro do novo Plan de investigación e innovación de Galicia 2025-2027”, destacou.