07/07/2020

A recuperación da economía galega é posible

O catedrático Santiago Lago Peñas é optimista coa recuperación pero advirte da necesidade dun traballo conxunto entre todos os axentes involucrados.

O catedrático de Economía da Universidade de Vigo Santiago Lago Peñas, director do grupo de investigación GEN e do Foro Económico de Galicia e membro de ECOBAS, considera que as claves para a recuperación pivotan no respecto polas medidas de saúde pública e laboral, o diálogo político e social e uns plans económicos adecuados.

“É un momento de xenerosidade e cooperación, de lealdade e respecto mutuo e de busca de elementos de acordo”

O profesor Santiago Lago, que participou como coordinador no comité de expertos creado pola Xunta de Galicia para a recuperación da actividade económica trala crise da Covid-19, é optimista coa recuperación pero advirte da necesidade dun traballo conxunto entre todos os axentes involucrados.

Coa axuda de José María Da Rocha, o Foro Económico de Galicia, que dirixe Santiago Lago, deseñou tres posibles escenarios para saír da crise. “O primeiro, o que queremos e que consideramos o máis probable, leva de seu unha caída moi substancial do Produto Interior Bruto (PIB) no conxunto do ano 2020 (-8,5%), pero tamén unha recuperación progresiva a partires do segundo semestre do ano; e permitiría que no 2022 alcanzásemos o nivel co que rematamos 2019. O segundo, que non é descartable, é que a reactivación vai ser máis difícil. Se as medidas de distancia, a limitación do aforamento, a perda de confianza, etc. arroxan sacos de area sobre as rodas do grande muíño económico, achegariámonos ao -13%. O terceiro, o máis hipotético, é que temos que confinar de novo, como xa fixemos no terceiro trimestre. Nese caso, chegaríamos ao -19%. Á vista do anterior, a dinamización e normalización que comeza agora deben pivotar en tres elementos esenciais. O primeiro: o máximo respecto polas medidas de saúde pública e laboral. O peor que nos pode pasar é volver ao encerro. A OMS advertiu e as nosas cifras sobre Galicia o corroboran. O segundo: plans económicos intelixentes e precisos, ben implementados, que resolvan secuencialmente os extraordinarios retos que ten por diante para evitar que os problemas a curto prazo se convertan en estruturais. O terceiro: diálogo político e social para atopar solucións que partillen custos dun xeito razoable e equitativo, para centrarnos no importante, traballar xuntos”, explica o profesor.


A actividade industrial galega medrou o triplo que a industria española no seu conxunto nos últimos anos


A estrutura industrial de Galicia é sólida. O peso da súa industria na totalidade do español (o 5,8%) é claramente superior ao peso global da economía galega (5,2%). En concreto, a industria galega produce un 11% máis do que corresponde ao noso tamaño económico. Somos industriais. O seu resultado é consecuencia do ocorrido nas últimas dúas décadas”, afirma o catedrático. A pesares de ter unha menor visibilidade
, a industria galega é das que máis teñen crecido no mapa autonómico dende o ano 2000; máis que as “industriais” Cataluña e o País Vasco. Detrás deste positivo resultado atópanse grandes empresas como Inditex e Citroën, pero tamén moitas outras empresas das catro provincias, case todas elas de propiedade familiar con apelidos recoñecidos. “Sen dúbida, temos empresas industriais en crise e con problemas; algunhas delas que xeran enormes desafíos a escala comarcal. Pero tamén outras que hoxe son moitísimo máis fortes que hai dez ou vinte anos”.

Os sectores do turismo, hostalería, cultura e ocio serán os máis afectados pola crise


Tralo confinamento inicial, moitas empresas puideron retomar a súa actividade e na actualidade a súa situación está bastante normalizada. O problema agora está nas ramas e empresas nas que as novas normas de distanciamento social lles impactan de cheo (turismo, hostalería, cultura e ocio, deporte…). “De xeito agregado son unha parte importante da nosa economía, e se estes sectores están a medio gas ou parados, afectan ao conxunto”, asegura o profesor Lago.

“Os ERTE son unha boa solución para afrontar os efectos da interrupción abrupta da actividade económica. De feito, o que discutimos agora é en que ramas e empresas e ata cando debemos estendelos. No que atinxe ao mínimo vital, era un programa xa previsto e que a crise acelerou. Tamén vai na boa dirección, aínda que preocupan os efectos que podan ter na economía somerxida e no desincentivo ao traballo. Haberá que estar moi vixiantes e axustar o IMV á realidade observada”.  

O comité de expertos da Xunta leva meses buscando fórmulas e propostas para a recuperación, algunhas das medidas que propuxeron poden verse no seguinte informe: http://www.conselleriadefacenda.es/documents/10433/26507679/Informe-Completo-gal.pdf/d93ea3c4-6223-463a-9204-dff293a641db.
 

A saída da crise pasará por un crecemento da débeda pública e a nacionalización de empresas

“A débeda pública non é tanto a ferramenta como a consecuencia de soportar con diñeiro público ao conxunto do sistema para que non se derrube. Non creo que neste momento o crecemento do déficit ou da débeda deba ser o que máis nos preocupe. É inevitable. E no que atinxe ás medidas concretas a adoptar, o que para algúns é heterodoxia e anatema, é simplemente inevitable: as nacionalizacións transitorias e puntuais están hoxe dentro das opcións razoables”, confirma o economista.

Santiago Lago tamén matiza que España se atopa nunha moi mala posición fiscal, e teremos que depender do apoio comunitario para saír da crise. “Somos un dos países da Unión Europea con menos marxe fiscal por mor da nosa elevada débeda pública e o forte déficit estrutural que arrastramos. Se na crise de 2009 fomos un dos países máis proactivos do Mundo no terreo fiscal, hoxe estamos sendo dos que menos na Unión Europea. Alemaña, por exemplo, está sendo moitísimo máis activa”.

Ante a polémica causada pola falta de apoio comunitario nas primeiras semanas da pandemia o profesor considera que todos temos a nosa cota de culpa na falta de entendemento. “As preferencias sobre estabilidade fiscal son diferentes nos distintos países europeos e non existe unha noción de cidadanía europea que dea soporte aos fluxos de solidariedade interterritorial que existen no seo dos países, como analizamos neste artigo publicado xunto a Albino Prada e Alberto Vaquero no 2015. Certo que estamos ante un problema extraordinario e que vai no propio interese do conxunto da Unión Europea (e tamén de Holanda) aplicar estímulos fiscais fortes en todo o territorio da Unión.  Porén, os españois tamén temos que entender que non podemos manter un déficit estrutural do 3% de xeito indefinido e tomarnos pouco en serio o cumprimento de obxectivos fiscais”.

“Estamos en territorio inexplorado”

Como calquera crise económica, esta situación terá como consecuencia un empeoramento das condicións laborais e empresariais. Non podemos comparala con ningunha outra crise económica anterior debido a súa intensidade e orixe. O profesor Lago subliña que é a primeira vez na historia que a economía se pon en punto morto durante varias semanas e logo arranca con mudanzas nas regras de interacción social.

A globalización masiva de capitais volve cuestionarse

“Sen dúbida, apostar por globalización no tráfico de capitais, persoas e mercadorías e non no eido das políticas (saúde pública, medioambientais, seguridade…) é unha simetría que antes ou despois ía pasarnos factura. Confío en que a crise sirva para reforzar un marco institucional que pode lidiar con bens públicos de carácter global. No que nos atinxe máis urxentemente neste momento: necesitamos organismos multilaterais con moitos máis recursos e competencias; mesmo capacidade para decidir o peche de fronteiras estatais para controlar os focos dunha pandemia”, sentencia o profesor Lago.