A palestra ‘A Ciencia ten nome de Muller’ abordou a cuestión de xénero
O acto, que tivo moi boa acollida por parte do público, celebrouse de xeito presencial e por streaming
Ao redor de 30 persoas asistiron de xeito presencial á palestra que a agrupación estratéxica ECOBAS organizou este venres no Museo do Mar de Vigo titulada “A Ciencia ten nome de Muller”. A afluencia, a pesar das restricións de aforo que obrigaban a levar unha inscrición previa, foi moi positiva, xa que tamén houbo unha gran concorrencia de xeito virtual.
O coloquio contou coa presentación de Águeda Gómez, Directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, e estivo moderado por Manuel Vicente, director de Efervesciencia. Moitos oíntes deste programa da Radio Galega puideron seguir o acto en directo a través de UVigo TV.
Foron cinco as investigadoras científicas das universidades galegas que participaron nesta mesa redonda. Coral del Río, María Loureiro e Rocío Rodríguez estiveron presentes no auditorio do Museo do Mar, mentres que Amaia Palencia e Emma Iglesias participaron de xeito remoto. Conversaron co público asistente da problemática das mulleres no ámbito científico e tamén da cuestión de xénero e de como a a muller se viu moito máis afectada que o home durante a pandemia. Os asistentes participaron activamente coas súas preguntas ao remate das intervencións, e foron gratamente soprendidos cunha pequena actuación do grupo musical High Paw, que interpretaron varios temas para pechar o acto.
Con este evento, ECOBAS quixo achegar á sociedade algún dos proxectos que están a levar a cabo sobre cuestión de xénero. “Este tema é transversal e está presente dalgún xeito en todos os eidos científicos, e estanse a desenvolver liñas de investigación específicas sobre a (des)igualdade”.