
A nova xeración de centros de investigación interuniversitarios de Galicia presenta o potencial da ciencia multidisciplinar
-
O CITMAga, ECOBAS e o CISPAC reunirán a medio centenar de investigadores das tres universidades públicas de Galicia na xornada “Ciencia e conciencia no século XXI”
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2025.- O Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), Economics and Business Administration for Society (ECOBAS) e o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), celebran o vindeiro 20 de febreiro en Santiago de Compostela as I Xornadas de Centros de Investigación Interuniversitarios de Galicia, primeiro encontro aglutinador de talento investigador das tres universidades galegas.
Baixo o título “Ciencia e conciencia no século XXI”, máis de medio centenar de investigadoras e investigadores das tres universidades públicas do SUG se darán cita na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
A iniciativa, pioneira e única no espazo de I+D+i galego polo seu carácter multidisciplinar e transversal, servirá para presentar o novo camiño de co creación que están a construír estes tres centros de investigación de nova xeración, poñendo en valor o gran potencial que pode ofrecer á sociedade a tarefa investigadora dende a unha perspectiva científica multi e interdisciplinar.
Dende as súas respectivas direccións científicas, Rosa Crujeiras (CITMAga), María Loureiro (ECOBAS) e Lourenzo Fernández (CISPAC), coinciden en sinalar o carácter diferencial do seu enfoque, “imprescindible” para abordar os desafíos globais aos que se enfronta a sociedade de hoxe. Os máximos responsables dos tres centros interuniversitarios avogan por trazar estratexias comúns de cooperación e liñas de traballo colaborativas entre o persoal dos tres centros, compartindo as preocupacións que están a abordar dende as súas respectivas axendas científicas.
O programa do día partirá da análise experta dos aspectos transversais que afectan ao traballo investigador no seu conxunto. Xa pola tarde, persoal dos equipos científicos de CITMAGA, ECOBAS e CISPAC traballará en sesións paralelas para entrar a definir os problemas comúns obxecto de investigación en tres ámbitos: tecnolóxico, ambiental e social.
Ética e ciencia de acceso aberto
Baixo o título “Ciencia e conciencia no século XXI”, a I Xornada de Centros de Investigación Interuniversitarios de Galicia contará coa participación de dous nomeados expertos de primeiro nivel para tratar aspectos de importancia crecente na produción científica actual.
A primeira delas, co obxectivo de afondar na perspectiva de democratización da ciencia que están a promover os distintos estamentos públicos, a xefa da unidade de Ciencia Aberta da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), Pilar Rico, impartirá a conferencia “Ciencia aberta: o coñecemento como un ben público”. Maior accesibilidade, colaboración, eficiencia e transparencia da investigación conforman a base do prisma dende o que debe actuar o persoal investigador para desenvolver unha investigación cada vez máis próxima e vencellada ás necesidades da sociedade.
A continuación, co obxectivo de promover a reflexión crítica sobre as cuestións éticas que afectan á ciencia do noso tempo, nun entorno altamente cambiante e sometido á velocidade dos avances tecnolóxicos, o ex ministro de Universidades, catedrático de Ciencia Política e investigador da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB), Joan Subirats, compartirá a súa perspectiva coa intervención “Ciencia no século XXI: límites, ética e necesidades sociais da investigación”.
IA, transición enerxética, inequidade…
Organizadas en tres grupos de traballo, as reunións científicas da xornada se estruturan en sesións paralelas para abordar o ámbito tecnolóxico, o ambiental e o social, co obxectivo de definir unha axenda de temáticas de investigación comúns aos tres centros interuniversitarios para a xeración de sinerxías e o aproveitamento conxunto das diversas capacidades que cada un ofrece.
Dende a intelixencia artificial como gran desafío que xurde do desenvolvemento tecnolóxico; ata a crise ambiental e a transición ecolóxica; a desigualdade, as migracións, os populismos; o persoal investigador identificará a complementariedade das distintas disciplinas científicas implicadas e a converxencia das preocupacións que comparten.