Colaboración e interdisciplinariedade para fortalecer a investigación científica
- O primeiro encontro de centros interuniversitarios, “Ciencia e conciencia no século XXI”, contou coa participación dun nutrido grupo de membros dos equipos investigadores do CITMAga, ECOBAS e o CISPAC
- As direccións científicas dos tres centros suman forzas na súa vontade de fortalecer a consolidación do modelo interuniversitario e xogar un papel integrador para a búsqueda de sinerxias e a xeneración de oportunidades de traballo en común
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2025.- Colaboración, multidisciplinariedade, ciencia aberta e impacto na sociedade. A nova xeración de centros de investigación interuniversitarios de Galicia representada polo CITMAga, ECOBAS e o CISPAC, celebrou hoxe o seu primeiro encontro científico coa vontade decidida de romper barreiras e aliñar esforzos para o traballo en común.
Nesta liña, o novo camiño de co creación que están a construír estes tres centros de investigación de nova xeración, dende unha perspectiva científica multi e interdisciplinar, pasa por identificar espazos conxuntos de colaboración en favor dun maior impacto da investigación na sociedade.
Así o manifestaron en nome das respectivas direccións científicas Rosa Crujeiras, María Loureiro e Lourenzo Fernández, durante o acto de apertura presidido polo reitor da USC, Antonio López, quen salientou o que “é xa un modelo de éxito, xurdido da voluntariedade”. Cumprida a etapa de asentamento dos tres centros, nacidos en decembro de 2021-, agora “debemos abordar problemas adxacentes e complementarios fundamentais para que este modelo siga avanzando”, recoñeceu López, en referencia á complexidade que supón a xestión eficiente de capital humano investigador das tres universidades públicas de Galicia.
Así, máis aló dos ambiciosos obxectivos en termos de produción científica e transferencia á sociedade, os responsables do CITMAga, ECOBAS e do CISPAC coincidiron na necesidade de buscar solucións e artellar fórmulas eficientes de administración interuniversitaria, xestión e obtención de financiamento para a consolidación e avance do seu modelo.
En relación á especialización do CITMAga e as capacidades do seu equipo, a súa directora científica, Rosa Crujeiras, quixo remarcar a súa aposta por unha “axenda científica integradora” e o esforzo do CITMAga por completar a tarefa de investigación fundamental coa orientada, potenciando o labor de transferencia do seu centro para “impactar no tecido económico e social”.
Pola súa banda, a directora científica de ECOBAS, María Loureiro, amosouse “orgullosa do equipo humano” que conforma o centro a día de hoxe, que afronta esta nova etapa co “pulmón” que significa para eles a obtención da acreditación como centro colaborativo da rede de excelencia CIGUS da Xunta de Galicia para o periodo 2024-2027.
Pechando a rolda de presentacion, o director do CISPAC -anfitrión deste primeiro encontro dos centros interuniversitarios-, Lourenzo Fernández, compartiu cos presentes o valor de futuro que representa o seu centro para trazar os camiños “que podemos e debemos percorrer para preservar e poñer en valor o noso patrimonio natural, económico, social e cultural na lóxica da sustentabilidade”.
Ciencia aberta para a comunidade investigadora e a cidadanía
No transcurso da xornada, pioneira e única no espazo de I+D+i galego polo seu carácter multidisciplinar e transversal, a xefa da unidade de Ciencia Aberta da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), Pilar Rico, explicou os problemas que está a padecer o modelo de negocio editorial que hai detrás das publicacións científicas, que adolece de deficiencias estreitamente ligadas a unhas “prácticas comerciais abusivas”, o que explica que “calidade e indexación non sexan sinónimos”.
“A capacidade da investigación para cambiar o mundo hoxe está máis baseada na capacidade de xestionar datos que na capacidade de xestionar literatura”, afirmou Caro. Neste sentido, o concepto de ciencia aberta promovido pola Comisión Europea, aboga por despregar un novo paradigma baseado en novas formas de medir o mérito investigador conducentes a garantir os resultados da investigación e a preservar o seu carácter de “ben público”, con énfase na transparencia e co reto do desenvolvemento dun sistema de gobernanza pública.
Límites, ética e necesidades sociais da investigación
“Vivimos un contexto de policrise onde quizais o máis difícil de todo sexa definir o problema”. A este nivel de complexidade situou o debate neste foro o ex ministro de Universidades e Catedrático de Ciencia Política Joan Subirats, quen apuntou a un desaproveitamento do coñecemento xenerado no eido científico por parte dos responsables políticos. Subirats apelou á autocrítica de ambas partes, ás que se referiu abertamente, para abordar e “superar a fenda que existe entre saber e facer”. Subirats compartiu cos presentes a súa reflexión sobre valores que sustentan a actividade científica, o enfoque do traballo do persoal investigador e o valor social da ciencia e a súa “significación no territorio”.
IA, transición enerxética, inequidade…
Xa pola tarde, as reunións científicas en sesións paralelas estruturarán os temas de estudo nos ámbitos tecnolóxico, o ambiental e o social, co obxectivo de definir unha axenda de temáticas de investigación comúns aos tres centros interuniversitarios para a xeración de sinerxías e o aproveitamento conxunto das diversas capacidades que cada un ofrece.
Dende a intelixencia artificial como gran desafío que xurde do desenvolvemento tecnolóxico; ata a crise ambiental e a transición ecolóxica; a desigualdade, as migracións, os populismos; o persoal investigador identificará a complementariedade das distintas disciplinas científicas implicadas e a converxencia das preocupacións que comparten.