21/06/24

A nova Cátedra Economía da Ciberseguridade liderará a creación dun ecosistema seguro para a vida dixital

Froito da alianza entre USC e o Instituto Nacional de Ciberseguridad-INCIBE, servirá de marco para a creación do Observatorio En liña de Ciberdelincuencia.

Exercer como forza tractora para a creación dun ecosistema ciberseguro sostible e escalable constitúe a misión principal da nova Cátedra Economía da Ciberseguridade da USC e do Instituto Nacional de Ciberseguridad-INCIBE. A aposta de ambas as institucións por afondar na colaboración e dedicar recursos para encarar o reto global da seguridade dixital amplía deste xeito a súa dimensión, iniciada hai uns meses co proxecto estratéxico ‘Ciber-Eco: economía da ciberseguridade nun contexto de cambio climático’. Tanto a nova Cátedra presentada este venres 21 en Compostela coma o proxecto Ciber-Eco contan co respaldo e financiación do INCIBE a través dos fondos Next Generation da Unión Europea e ambas as iniciativas supoñen en conxunto unha dotación de 1,6 millóns de euros.

Por parte da USC, a aposta pola investigación e transferencia de coñecemento na denominada “economía da ciberseguridade” responde ás necesidades dunha sociedade en aceleración constante pola dixitalización. Cidadanía, organismos, institucións e tecido empresarial, precisan unha contorna cibersegura onde poder desenvolver a súa faceta dixital sen temor e con garantías, dunha forma consciente e responsable, moito máis aló da dimensión tecnolóxica, segundo explicaron os seus responsables no acto que se desenvolveu na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. No acto participaron a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo, acompañada polo director do INCIBE, Félix Barrio, quen coa súa presenza puxo de manifesto a alianza e o forte compromiso entre ambas as institucións para achegar beneficios tanxibles ao conxunto da sociedade.

Na ambición de contribuír a xerar un marco escalable ao conxunto do territorio nacional, as dúas institucións traballarán no concepto da economía da ciberseguridade para introducir un novo paradigma no que as persoas expertas e usuarias, consumidoras e traballadoras, asuman e adquiran a responsabilidade dixital de forma compartida. Con este horizonte a nova Cátedra propón capilarizar ao máximo a súa actividade para exercer un efecto tractor na construción da confianza cidadá. Os seus responsables queren facilitar unha resposta coordinada aos impactos sociais, económicos e xurídicos da ciberseguridade engadindo a perspectiva pedagóxica, para o que consideran imprescindible un enfoque multidisciplinar e holístico por parte das Ciencias Sociais. A profesora de Organización de Empresas da USC e investigadora do Centro Interuniversitario ECOBAS María Bastida será codirectora da nova Cátedra xunto ao profesor Miguel Ángel Vázquez Taín, membros os dous do grupo de investigación POSMARK da USC.

Observatorio en liña

No transcurso da presentación, a profesora Bastida explicou as principais liñas de traballo contempladas no plan da nova Cátedra. Deste xeito, coa finalidade de trazar a percepción pública sobre os asuntos relacionados coa ciberseguridade, Bastida anunciou a posta en marcha do Observatorio de Ciberdelincuencia e Seguridade, proxecto que verá a luz coa colaboración de persoal especializado do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS). O Observatorio concibirase partindo dunha unidade de captación e análise de datos a través da tecnoloxía propia Social Minder, ferramenta que se empregará e adaptará para a monitorización e o estudo de contidos relacionados coa ciberseguridade obtidos en redes sociais e outros medios dixitais. Empregarán ademais modelos baseados en intelixencia artificial (IA) e técnicas de Procesamento de Linguaxe Natural (PLN) para a análise de datos e a aplicación de tecnoloxías preditivas, o que permitirá avaliar a credibilidade dos contidos, o seu impacto real e outros aspectos de relevancia, como a polaridade da información que circula nas redes.

Sector empresarial

Outro dos eixos fundamentais de traballo da Cátedra será a contribución ao estudo da ciberseguridade dende unha perspectiva económica empresarial, con especial énfase no impacto económico en termos de: avaliación do custo dos ciberataques (roubo de datos, interrupción de servizos, ou danos reputacionais, entre outros), rendemento dos investimentos en ciberseguridade (prevención de perdas, incremento da competitividade), xestión de riscos cibernéticos (impacto na planificación estratéxica e na toma de decisións) ou influenza na capacidade das empresas para innovar. A Cátedra encargarase tamén da realización de informes para as distintas administracións públicas coa fin de fundamentar e propoñer melloras ou cambios nas políticas públicas relacionadas coa ciberseguridade. Así mesmo, actuará como punto de encontro entre diferentes proxectos de ámbito estatal e autonómico e foro de discusión de debate entre o eido académico, profesionais da materia e o sector empresarial.

Formación especializada

Como instrumento para a formación permanente e a concienciación xeral da sociedade no seu conxunto, María Bastida explicou a variedade de recursos previstos para desenvolver o nomeado labor de “democratización da ciberseguridade”. Así, prevén levar a cabo seminarios especializados sobre ciberseguros e responsabilidade civil para formar os responsables das implicacións legais en casos de violación de datos; formación para persoal empregado das administracións públicas e outros colectivos sobre a construción e protección da identidade dixital; un curso especializado en negociación e xestión de conflitos de ciberameazas e ciberdelictos na contorna laboral, dirixido a representantes sindicais e patronais; ou a realización dun congreso internacional para abordar a ciberseguridade dende a perspectiva económica e xurídica.

CIBER-ECO

Pola súa banda, a catedrática de Fundamentos da Análise Económica da USC e directora científica do Centro Interuniversitario ECOBAS, María Loureiro, explicou os avances na investigación que lidera no marco do proxecto Ciber-Eco, un enfoque disruptivo no estudo da ciberseguridade e a súa relación coas ameazas ambientais globais nun contexto de cambio climático. Nesta liña, o equipo está a indagar como se relacionan as distintas ciberameazas e fendas de ciberseguridade con situacións de crise política, eventos ambientais extremos e outras vulnerabilidades; que características comparten as vítimas dos ciberataques; como impactará a maior recorrencia de eventos extremos á ciberseguridade en España; e que sectores económicos, lugares e recursos poden ser máis susceptibles a ataques de ciberseguridade nos distintos escenarios climáticos futuribles. Segundo anunciou Loureiro, unha vez analizados todos estes escenarios, o proxecto tratará de definir se é posible predicir os impactos potenciais coa axuda de modelos baseados en intelixencia artificial.

Xa nunha segunda fase, o proxecto porá o foco nos impactos económicos en sectores económicos específicos, a nivel microeconómico, centrándose na vulnerabilidade do pequeno tecido empresarial en España, en concreto en pemes e autónomos/as. O equipo investigador analizará ata que punto este tipo de negocios e empresas son conscientes da súa exposición a riscos cibernéticos, que sistemas utilizan para protexerse de ciberataques, como os seleccionan, que ameazas consideran máis importantes e a análise de perdas por erros na súa ciberseguridade.