
A investigadora de ECOBAS Mila Vivel recolle o Premio de Investigación Fundación Barrié-RAGC na categoría de Ciencias Sociais
- Destinados a recoñecer a mellor investigación que se desenvolve na nosa comunidade en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais, os traballos distinguidos recibiron unha dotación de 5.000 euros cada un.
- O acto de apertura do curso da RAGC, no compostelán Pazo de San Roque, acolleu a cerimonia de entrega da primeira edición dos Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC.
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2025.- A investigadora permanente de ECOBAS e catedrática da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Milagros Vivel Búa, foi a encargada de recibir na tarde de hoxe, en nome do seu equipo, o Premio de Investigación Fundación Barrié-RAGC en Ciencias Sociais polo traballo sobre a influencia do efecto contaxio do fracaso empresarial nas micro, pequenas e medianas empresas.
A investigación, realizada sobre unha mostra de 3.948 hoteis, logra identificar como a proximidade xeográfica a empresas fallidas incrementa a probabilidade de fracaso no curto prazo, pero diminúe a longo prazo, o que proporciona novas perspectivas sobre a xestión do risco empresarial. “Neste senso, e ante contextos como o acontecido polo impacto da Covid-19 ou a recente dana de Valencia, a necesidade de deseñar estratexias que mitiguen o impacto do fracaso empresarial no curto prazo, pero sen comprometer efectos de longo prazo, require un coñecemento da dinámica deste proceso”, segundo afirma Vivel, coordinadora do equipo da USC autor deste estudo, do que tamén forma parte o investigador permanente de ECOBAS Rubén Lado Sestayo.
Sobre a importancia de recibir este recoñecemento por parte da RAGC, Vivel salientou que este premio é “unha motivación para continuar xerando coñecemento científico de calidade e aplicado ao noso sector produtivo desde a universidade pública galega”.
Durante a entrega dos premios, que tivo lugar no compostelán Pazo de San Roque no marco do acto de apertura de curso da Real Academia Galega de Ciencias, o seu presidente, Juan Lema, salientou o éxito desta convocatoria, con cen candidaturas presentadas, “todas elas cunha extraordinaria calidade”. Segundo Lema, as persoas investigadoras galardoadas “constitúen o expoñente da mellor ciencia que se fai en Galicia, con publicacións nas mellores revistas especializadas e cunha gran proxección internacional”.
Os representantes dos sete equipos premiados -entre eles, catro da USC-, destacaron “a importancia de dar a coñecer o traballo ás veces invisible pero sempre necesario que se fai na investigación”.
Cunha dotación de 5.000 € para cada unha das tres categorías, os Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC foron creados co fin de recoñecer a mellor investigación que se desenvolve en Galicia en Ciencias Básicas, Ciencias Técnicas e Ciencias Sociais.
Ciencias Básicas: dióxido de carbono contra o cambio climático, tratamento de doenzas nerviosas e comprensión de fenómenos complexos
O premio na categoría de Ciencias Básicas recaeu nun proxecto centrado na utilización de dióxido de carbono para a produción de produtos químicos e biocombustibles como iniciativa para combater o cambio climático. Os seus autores, liderados por Miguel Ángel Correa, están integrados no Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo.
Nesta área concedéronse dous accésits. Un foi para o equipo de Ashwin Woodhoo, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas -CiMUS- da Universidade de Santiago. Descubriron un novo mecanismo de especial relevancia para o tratamento de determinadas doenzas nerviosas como a esclerose múltiple.
O segundo accésit neste categoría foi para Fernando Adrián Fernández, da facultade de Matemáticas da USC, polo traballo no que logrou establecer a relación entre diferentes tipos de ecuacións de cara a facilitar o estudo e comprensión de moitos fenómenos complexos como o crecemento dos animais ou a propagación e prevalencia de enfermidades infecciosas.
Ciencias Técnicas: comunicacións por satélite e calidade da auga
O premio na categoría de Ciencias Técnicas foi para o grupo da Universidade de Vigo coordinado por Víctor Zapatero, que creou unha tecnoloxía segura para as futuras comunicacións por satélite. Nesta categoría outorgouse un accésit a un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) da UVigo, liderado por Antía Fernández, que desenvolveu un proceso innovador e sustentable para eliminar a presenza de contaminantes farmacéuticos da auga.
Accésit en Ciencias Sociais: impacto das políticas fiscais na intención de voto
Na categoría de Ciencias Sociais, o accésit outorgado foi para o grupo da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC liderado por María Cadaval por unha análise innovadora sobre o impacto das políticas de consolidación fiscal nas preferencias e intención de voto da cidadanía.