A información do Cooperativismo e a Economía Social en Galicia á volta dun clic
Baixo o nome de SAVES este proxecto busca ter a potencialidade suficiente para a súa futura ampliación ó conxunto de entidades da Economía Social.
Un proxecto levado a cabo pola Agrupación Estratéxica ECOBAS permite acceder a información vía web sobre a situación e evolución recente do Cooperativismo en Galicia, así como do perfil económico-financeiro das cooperativas galegas. Co nome de SAVES, Sistema Asistente Virtual para o Cooperativismo e a Economía Social, este estudo busca ter a potencialidade suficiente para a súa futura ampliación ó conxunto de entidades da Economía Social.
Esta iniciativa forma parte dun proxecto de investigación iniciado polos investigadores María José Cabaleiro Casal e Carlos Iglesias Malvido, no ano 2011. Ambos están estreitamente vinculados/as ó ámbito do cooperativismo, participando de forma activa dende fai anos en diversos proxectos de investigación, docencia e divulgación sobre o tema.
O que motivou o seu nacemento é que, na actualidade, a información sobre o Cooperativismo e a Economía Social en Galicia está dispersa en diversas fontes estatísticas, o que complica grandemente o seu tratamento informático: “Carecemos dunha serie histórica con datos comparables no tempo; non se dispón dun conxunto de indicadores adaptados á singularidade das sociedades cooperativas; ningunha das fontes estatísticas subministra datos doados de consultar nos dispositivos electrónicos móbiles. Ante esta realidade xurde SAVES”, explica o investigador Carlos Iglesias.
Un proxecto tralo que se agocha un gran traballo de cooperación
Ademais dos investigadores mencionados, para os labores de xestión do proxecto contaron co equipo de xestión de ECOBAS, e con Belén Lemos García, contratada especificamente para esta investigación e que se encarga das tarefas de recompilación de datos, deseño da páxina e elaboración dos informes. Ademais, Triwus, Sociedade Cooperativa Galega, encárgase de todo o soporte informático da web de SAVES.
Actualmente SAVES está financiado pola Rede Eusumo da Xunta de Galicia. Non obstante, debe sinalarse que para este proxecto foron fundamentais os medios achegados pola UVigo, e nos últimos anos, por ECOBAS. “Dende ECOBAS recibimos apoio material, económico e humano, imprescindible para sacar adiante o proxecto”, sinala Mª José Cabaleiro.
Por outra banda, é importante sinalar que para que esta ferramenta puidera poñerse en marcha, contouse co apoio e a axuda de diversas entidades, destacando en particular:
- A Subdirección Xeral de Economía Social, dependente da Consellería de Emprego, Economía e Industria da Xunta de Galicia, que puxo a súa disposición a información do Rexistro de Cooperativas, e tamén a experiencia das persoas que alí traballan.
- As Unións de Cooperativas Galegas ESPAZOCOOP e AGACA que grazas as súas contribucións e a experiencia dos seus técnicos e xestores enriqueceron o deseño, a estrutura e os contidos de SAVES.
- A Escola de Estudos Cooperativos da Universidade Complutense de Madrid, que sempre apoiou a investigación en materia de empresas de participación en xeral e a cada un dos seus investigadores.
- A Escola de Estudos Empresariais de Vigo que, mantendo a súa tradición na promoción do Cooperativismo e a Economía Social, estivo traballando dende ó comezo desta idea, poñendo a súa disposición os seus espazos e a súa desinteresada colaboración.
Os custes totais do proxecto durante este período ascenden a 47.261 euros. A Rede Eusumo achegou o 70 por cento e a Universidade de Vigo o restante 30 por cento. Esa cantidade é unha pequena parte do custe total do proxecto, que é o resultado do traballo realizado polos investigadores durante os últimos anos.
Fontes de información principais
SAVES emprega a información económica-financeira dispoñible nas memorias anuais depositadas polas cooperativas no Rexistro Galego de Cooperativas, que se cruza con outras fontes de información coma o Ministerio de Traballo e Seguridade Social, o Instituto Nacional de Estatística, o Instituto Galego de Estatística, o Libro Branco do Cooperativismo de Galicia (2004), o Libro Branco da Economía Social de Galicia (2018), os Informes de Síntese da Economía de Galicia, ou o Inventario de Cooperativas de Galicia elaborado por Espazocoop, entre outras, para acadar así unha fotografía máis completa do Movemento Cooperativo Galego.
Singularidade do proxecto e destinatarios
O que fai diferente a SAVES é que en Galicia non existe ningunha ferramenta similar, e tampouco hai constancia da súa existencia no resto de España. Ata o de agora os datos recóllense directamente ou ben da información do rexistro, ou das restantes fontes sinaladas, así como de enquisas concretas. “Os proxectos relacionados co cooperativismo e a Economía Social non son moi numerosos e habituais na nosa comunidade. Consideramos que este proxecto pode axudar a fomentalos ó proporcionar acceso a información á que, ata o de agora, resultaba moi custoso acceder. A nivel internacional, nestes momentos non existe unha fonte estatística que permita comparar por países o desenvolvemento do cooperativismo. De acordo coa Organización Internacional do Traballo, moitos países desenvolvidos e en vías de desenvolvemento elaboran estatísticas sobre cooperativas, pero só cobren ou ben un subconxunto das cooperativas ou ben só determinadas industrias. En 2017, un Grupo de Traballo da OIT sobre Estatísticas Cooperativas propuxo un Marco Conceptual para a medición axeitada da actividade das cooperativas, que permita coñecer a súa contribución económica e social e que facilite a comparación a nivel internacional. O obxectivo de SAVES insírese neste contexto”, explica o economista Carlos Iglesias.
A aplicación estará a disposición de todo o público no referido a información básica e non protexida. Os Informes estarán a disposición das cooperativas; da Administración Pública, especialmente para a Subdirección Xeral de Economía Social, dependente da Consellería de Emprego, Economía e Industria; para as principais asociacións do sector, AGACA e ESPAZOCOOP; e para o persoal investigador das tres universidades galegas.
Situación do Cooperativismo en Galicia
O que diferencia as cooperativas doutro tipo de empresa é que os seus socios participan na actividade económica da entidade, xa sexa como traballadores, como clientes ou como provedores. Este feito condiciona a remuneración que os socios perciben, e tamén o xeito en que se amosa a información económico-financeira nas contas anuais das cooperativas.
Ademais, as súas normas de funcionamento están guiadas polos principios cooperativos que incorporan á empresa os valores da democracia, a igualdade, a xustiza económica, ou o coidado medioambiental.
De acordo coa información proporcionada polo Rexistro Galego de Cooperativas, en Galicia están inscritas 1.462 cooperativas (consulta realizada ao 4 de Decembro). Sen embargo, esta cifra inclúe algunhas cooperativas que non teñen unha actividade real. O Libro Branco da Economía Social de Galicia 2018 estima o número de cooperativas activas en 1.334 a 31 de decembro de 2018 (Cancelo e Botana, 2019:41).
As principais asociacións do cooperativismo galego son AGACA (Unión de Cooperativas Asociación Galega de Cooperativas Agrarias) e Espazocoop (Unión de Cooperativas de Galicia). AGACA representa ó cooperativismo agrario galego e Espazocoop está integrado por cooperativas de diferentes clases, aínda que as máis representativas son as cooperativas de traballo asociado. Ambas entidades están a xogar un papel moi importante no desenvolvemento do deste tipo de economía en Galicia.
Principais motivacións do proxecto
“Impulsamos esta iniciativa porque consideramos unha necesidade amosar a realidade do Cooperativismo e a Economía Social de Galicia e queremos contribuír a promover os valores da igualdade e a democracia na sociedade e, especialmente, no mundo da empresa. O cooperativismo móstranos que outra realidade é posible. Estamos satisfeitos con que o asistente comece a funcionar, e esperamos que de aquí a setembro poidamos estar tamén satisfeitos de acadar os obxectivos que nos marcamos”, afirman os creadores.
SAVES está xa dispoñible en: https://saves.uvigo.gal/, onde se poden consultar tanto a presentación como o primeiro informe. Os tres informes restantes non estarán dispoñibles ata marzo, xuño e setembro, respectivamente.