A industria musical galega estrea a súa folla de ruta ata 2030, froito dun traballo desenvolvido no seo de ECOBAS
Un equipo integrado por persoal investigador de ECOBAS, baixo a coordinación de María Bastida, ven de rematar o primeiro Plan Estratéxico da industria musical galega. O documento, que marca o rumbo do sector ata 2030, pretende transformar a vitalidade cultural existente en Galicia nunha estrutura industrial máis forte, estable e competitiva.
Xerar un maior valor cultural, emprego cualificado, estabilidade profesional, oportunidades empresariais, novas audiencias e unha presenza internacional máis forte, son os obxectivos dun plan estruturado arredor de cinco piares principais: identidade e recoñecemento, sostibilidade económica, o territorio, a profesionalización e a gobernanza.
O plan, froito dun proceso participativo que tivo lugar durante case dous anos, contou coa involucración de varios grupos profesionais do sector, entre eles, a Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxía e Servizos Audiovisuais (Agatec), a Asociación Sindical de Profesionais Técnicos da Industria do Entretenemento (Tesgal), Músicas ao Vivo (MAV), Clubtura —a Asociación Profesional de Espazos Privados en Galicia— e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC).
Este esforzo conxunto, co apoio metodolóxico do equipo investigador dirixido pola investigadora de ECOBAS María Bastida, deu lugar a un plan de accións prioritarias entre as cales se propón a creación dunha feira de música galega como plataforma para conectar artistas, empresas, festivais, espazos, autoridades públicas, os medios de comunicación e programadores, así como promover a internacionalización do talento galego.
A creación dunha marca global para a música galega, capaz de representar a diversidade, calidade e identidade contemporánea da oferta musical de Galicia, é outra das medidas que se porán en marcha para facilitar a presenza en feiras especializadas, en campañas institucionais e en plataformas dixitais.
O documento tamén establece programas específicos para apoiar a innovación e a creación musical, así como itinerarios formativos para artistas e profesionais que abordan temas como a xestión de reservas, os dereitos de autor, a comunicación dixital, a planificación estratéxica, a xestión financeira e o desenvolvemento de público.
E nese camiño da mellora da profesionalización do sector, prevén a posta en marcha dun sistema de certificación que facilite o recoñecemento da experiencia e vincule a formación co emprego.
O documento completo cos plans directores trazados e as medidas específicas está dispoñible para consulta na web da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM)

