
A dotación dun espazo propio na UDC, novo avance para o equipo investigador de ECOBAS
A Coruña, 25 de marzo de 2025.- Favorecer a colaboración e a excelencia investigadora facilitando medios axeitados para o desenvolvemento das actividades dos centros de investigación interuniversitarios nos que participa a Universidade da Coruña. Este é o espírito co que a institución coruñesa acometeu o proxecto de dotación de infraestrutura dedicada a ECOBAS, O CISPAC e o CITMAga, que hoxe se viu completado no acto simbólico de entrega destes espazos por parte do Vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas.
Cada un dos tres centros conta a partir de agora cun espazo propio habilitado na planta -4 do Edificio de Servizos Centrais da Investigación (ESCI) do Campus de Elviña, proxecto de reforma acometido no marco do Plan Integral de Rehabilitación, Mellora Enerxética e Humanización (PIRMEH) para acondicionar e remodelar este novo espazo, concibido para dar resposta a unha necesidade xurdida co nacemento desta nova xeración de centros interuniversitarios, en decembro de 2021.
Complétase así un importante fito nesta actual etapa de consolidación de ECOBAS, tras lograr en 2024 a acreditación como Centro Colaborativo da rede de excelencia investigadora CIGUS. A partir de agora, o persoal investigador de ECOBAS pertencente á UDC (28% do total do centro) dispón dun lugar de encontro, colaboración e interacción, que facilitará o desenvolvemento da súa labor de investigación, divulgación e transferencia dun xeito máis dinámico e interrelacional, ademais de propiciar os contactos cos demais centros interuniversitarios e outros grupos e áreas de investigación da UDC.
No acto de sinatura da entrega dos espazos, que contou cunha salientable representación deste persoal investigador adscrito, Jerónimo Puertas incidiu na “aposta da Universidade da Coruña pola investigación de vangarda e a colaboración interuniversitaria, poñendo a disposición do persoal investigador as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento dos seus proxectos”.
O equipo directivo de ECOBAS ao completo acudiu a esta importante cita, que simboliza o pulo que está a experimentar o centro nos campus da Coruña e Ferrol, fortalecido trala ampliación, o pasado 10 de xaneiro, da base de persoal adscrito mediante avaliación externa.
Fonte: Gabinete de Comunicación da UDC
Fotos: Gabinete de Comunicación da UDC.