21/05/2025

A directora científica de ECOBAS, María Loureiro, nomeada vogal do Pleno da Unidade Muller e Ciencia

  • O órgano renova a súa composición coa incorporación de expertas científicas externas co reto á fronte de seguir impulsando a presenza feminina na ciencia

  • A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, presentou o programa Galicia Investiga Igualdade, iniciativa pioneira que impulsará as carreiras científicas de dez estudiantes predoutorais que desenvolvan os seus traballos en materia de xénero en calquera das áreas de coñecemento

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2025.- A directora científica de ECOBAS, María Loureiro, ven de asumir a súa nova responsabilidade como membro do Pleno da Unidade de Muller e Ciencia, que hoxe anunciou a renovación do órgano coa incorporación das novas vogais. Ademais da catedrática de Análise Económica da USC e máxima responsable do centro de investigación en Economía e Empresa para a Sociedade, entran a formar parte do Pleno Ana Jesús López Díaz, profesora de Enxeñería Naval e Industrial da Universidade da Coruña; María Dolores Pérez Meirás, catedrática de Química Orgánica da Universidade de Santiago de Compostela e investigadora do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (Ciqus); Susana Ladra González, catedrática de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña.

A reunión do Pleno celebrada hoxe, na que tomaron parte a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez; e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, contou coa participación da catedrática de Física Aplicada da Universidade de Vigo, Verónica Salgueiriño, quen expuxo o relatorio Retos das mulleres científicas na actualidade. Salgueiriño abordou os diferentes motivos que levan ás mulleres a renunciar a postos de liderado ou a non poder dar continuidade ás súas carreiras no mundo da investigación.

Pola súa parte, María Quintiana presentou o programa Galicia Investiga Igualdade, impulsado pola Xunta de Galicia, que ofrece dez bolsas para estudantes predoutorais que realicen os seus estudos en materia de xénero. Así mesmo, tamén se abordaron cuestións relativas á Estratexia galega de emprego feminino en sectores masculinizados e que contará cun grupo de traballo específico para o eido da ciencia e da investigación, así como coa participación da Unidade de Muller e Ciencia.

Quintiana trasladou os mellores desexos ás novas incorporacións do órgano e o seu agradecemento as vogais saíntes polo traballo realizado, ao que se referiu como “contribución imprescindible” para poñer en marcha as medidas que favorezan unha maior presenza das mulleres nas carreiras técnicas e científicas.